Galicia

Benestar instala en Vigo 20 dispositivos para facilitar a atención a maiores dende Internet vía televisión

A Consellería de Traballo e Benestar está a instalar novos dispositivos da plataforma SAM-TV en 20 fogares de Vigo e a súa área metropolitana para a atención ás persoas maiores co obxectivo de facilitarlles unha mellora na súa calidade de vida. A Xunta, en colaboración coa Universidade de Vigo están a levar a cabo esta actuación que suporá un investimento de máis de 20.500 €.

A través da plataforma SAM-TV, os usuarios poden acceder a servizos que se ofertan a través de internet, pero por medio da televisión coa axuda dun mando a distancia para axudar a aqueles que teñan dificultades para utilizar un ordenador. O sistema permite, non só consultar documentos ou usar as redes sociais, senón tamén realizar exercicios de rehabilitación, manter unha conversa por videoconferencia ou programar recordatorios ou alarmas.

SAM-TV posibilita, desta forma, ás persoas con limitacións físicas ou cognitivas manter a súa independencia e autonomía persoal, así como facer fronte á soidade que en moitos casos padecen pola súa dificultade para as relacións sociais.

Esta iniciativa forma parte do proxecto europeo Envellecemento + Activo. O pasado ano desenvolveuse, tamén en colaboración coa Universidade de Vigo, un proxecto piloto coa instalación de 40 dispositivos SAM-TV de forma experimental en fogares das cidades de Vigo e Ourense. Para a súa posta en marcha, o departamento autonómico ascendeu a máis de 77.500 €. En total, Galicia vai contar con 5.760 dispositivos de teleasistencia tradicional e 240 de xeolocalización.

 

También te puede interesar