Vigo al minuto

O BNG acusa ao alcalde de dar cartos aos bancos, como fai o PP, e non atender aos veciños

A portavoz municipal do BNG, salientou este xoves as “constradicións de PP e PSOE” na defensa da amortización de débeda e criticou a decisión do alcalde de “dar cartos aos bancos no canto de solucionar os problemas da cidadanía”. Iolanda Veloso avanzou que o Bloque defenderá, na aprobación final desta proposta, “a mesma postura que defendeu na súa aprobación inicial”.

A voceira nacionalista defendeu a necesidade dunha modificación lexislativa para que os remanentes poidan dedicarse a investimentos e non a amortizar débeda, polo que  sinalou que o alcalde da cidade, como vicepresidente da FEMP, podería reclamala. “Estes cartos son do Concello, e por tanto de todos os veciños, e nós nos posicionamos radicalmente en contra da amortización da débeda”, defendeu.

Veloso criticou que o alcalde decida facer “o contrario do que dixo hai dous anos”, xa que “mentres sostén que aplica políticas keynesianas nalgún momento ve a luz e decide aplicar a lexislación do PP que obriga ás administracións públicas a dar liquidez aos bancos”. Segundo apuntou, Caballero “xa non se entende nin a si mesmo, xa que convoca unha mobilización contra os orzamentos aprobados por el mesmo”. Neste sentido recordou que foi o propio alcalde quen levou os orzamentos ao pleno. “Eu mesma vin como levantaba a man para aprobalos”, ironizou.

“Cada vez o alcalde é máis contraditorio consigo mesmo e non é capaz de argumentar politicamente as súas decisións”, criticou a portavoz do BNG, quen asegurou que nos últimos días aumentan os exemplos destas contradicións, “xa que cando lle preguntamos, en lugar de explicarse, insulta e di que fará o que lle dá a gana”.

“Pero na oposición atopamos a un Partido Popular que pon condicións para aplicar as súas propias leis”, manifestou a nacionalista, quen sinalou que en Vigo defende a baixada de impostos, “algo totalmente contrario á súa política impositiva”. Puxo como exemplo que foi o propio PP quen subíu o IVE ou estableceu o copagamento sanitario, como no caso das prótesis. “Dálles igual as necesidades da cidadanía”, asegurou.

Iolanda Veloso lembrou, asemade, que o PP subíu os impostos cando gobernou en Vigo, “incluso para servizos básicos como a axuda no fogar e as escolas infantís”. Ao seu xuízo, a conclusión da actuación dos populares é que “non queren que as administracións públicas teñan cartos, senón que vaian para os bancos”, en especial nun momento tan grave como o que está atravesando a cidade.

“PP e PSOE non se preocupan de atender as necesidades da cidadanía, e se para manter esa confrontación teñen que defender posturas diferentes aquí, en Madrid e en Bruxelas, non teñen ningún problema”, denunciou a portavoz municipal do Bloque. Fronte a estas contradicións de PP e PSOE, Iolanda Veloso destacou que os mesmos argumentos que levaron ao BNG a rexeitar amortización de débeda “son os mesmos que nos levaron a aprobar as taxas municipais e presentar emendas aos orzamentos”.

Preguntada pola postura que manterá o BNG vigués á hora de aprobar os orzamentos municipais sinalou que “de aquí a outubro haberá que velo, segundo a proposta que presenten e se se nos aproban as nosas emendas ou non”. Iolanda Veloso destacou que o BNG ten claro que o goberno de Caballero “é un goberno en minoría”, pero que o Bloque tamén un compromiso firme do BNG en Vigo coa cidadanía, que é “impedir que goberne o PP, porque está arrasando coas súas políticas”. Neste sentido asegurou que a crise tan forte que sufre Vigo “non é casual”. Ao seu xuízo Vigo atravesa unha situación tan grave porque é un “obxectivo claro” desde Madrid e Santiago, tanto respecto aos ataques ao sector naval, o porto, o aeroporto ou cando se pretende elimar o partido xudicial.

“Seguimos insistindo en que se convoquen xa as axudas do plan de compensación contra a crise canto antes”, salientou Iolanda Veloso en resposta aos medios sobre o retraso na convocatoria destas axudas. Lembrou que «esta partida existe porque o BNG presentou a emenda aos orzamentos municipais. Pero temos claro que se do PP dependese non existiría unha partida así”, engadíu.

“Entre que non existira este plan de compensación contra a crise e seguir reclamando que convoque as axudas preferimos esta segunda opción”, defendeu a portavoz municipal do BNG. “Temos claro que é máis urxente facer esta convocatoria de axudas que convocar unha concentración amenizada por unha orquestra”, subliñou.

 

Te podría interesar

Vigo al minuto
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.