Galicia

Cogami rexeita os recortes en benestar

O movemento asociativo da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) acorda por unanimidade rexeitar os recortes que as Administracións Públicas están acometendo en detrimento das persoas que forman parte do colectivo que representa.

Na XXIII Asemblea xeral ordinaria que se celebrou este sábado en Santiago de Compostela, os representantes das 53 entidades que forman parte de COGAMI debateron profundamente sobre os graves problemas que están acontecendo en relación ás persoas con discapacidade dentro das áreas de educación, saúde e emprego.

Dende COGAMI cren que existe un perigo de que os recortes xeneralizados nas áreas de benestar poidan supoñer un retroceso nos dereitos do colectivo, segundo apuntou o Presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, “o noso colectivo corre o perigo de retroceder trinta anos”.

Por unanimidade, dende o movemento asociativo de COGAMI acordouse comunicarlle á Administración Galega que a Confederación rexeita o pago directo dos produtos ortoprotésicos por crer que prexudica enormemente ás persoas usuarias dos mesmos que non poden abonar o cen por cento do seu custe, así como o copago no transporte hospitalario non urxente. Aclaran que o colectivo das persoas con discapacidade adoita ter un poder adquisitivo baixo, orixinado en gran medida por non ter un acceso a un posto de traballo.

Outros dos temas analizados durante a Asemblea foi a situación da Lei de Promoción da Autonomía Persoal e Atención as Persoas en situación de Dependencia. As entidades presentes amosaron a súa preocupación polos recortes que se están a dar na intensidade dos servizos e na contía das libranzas.

 

También te puede interesar