Vigo al día

Folga no ensino galego, este xoves, contra a Lei Wert

A Plataforma Galega en Defensa Ensino Público convoca para este xoves, día 9, unha folga xeral no ensino contra a coñecida coma ‘Lei Wert’, a Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE), que abrangue, ademáis, manifestacións ás 11 e media da mañá, en  Ourense, Vigo, Ferrol, Vilagarcía, Pontevedra, A Coruña, Lugo, Burela, Santiago e Carballo.

“Desde a Plataforma Galega, vimos realizando un labor de información e mobilización contra este proxecto de lei entre os que están numerosos actos e accións como xornadas, charlas, debates, resolucións dos claustros e dos consellos escolares, concentracións comarcais e peches rotatorios no mes de abril”, aseguran os seus convovantes que subliña que este paro é a continuación deste proceso de mobilizacións encamiñado a “paralizar este proxecto de lei destrutora do ensino público”.

A Plataforma considera que o día 9 de maio non é a data máis axeitada, por ser día festivo na capital galega e noutras localidades, e que o procedemento seguido polas organizacións estatais nesta convocatoria non é o axeitado, por tomaren unha decisión á marxe da dinámica galega e, polo tanto,” excluíndo as organizacións que actuamos en Galicia”.

Segundo a Plataforma, esta folga pretende amosar o seu total rexeitamento a unha lei “reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática e confesional”, que liquida a igualdade de oportunidades e expulsa do ensino os sectores  sociais máis desfavorecidos  da sociedade.

“Trátase dunha lei que pretende trasladar ao ensino público un modelo neoliberal e que afonda nas diferenzas sociais no canto de contribuír a que todas e todos teñamos acceso en igualdade de condicións a unha educación pública de calidade”, engade e, ademáis estima que é un anteproxecto recentralizador e españolizador que lle facilita ao alumnado, se é necesario, a matriculación nun centro privado, “pagado por todos e todas nós, para evitar a súa escolarización no noso idioma”.

A marxe de todo elo, “procura o máximo control dos contidos a través do Goberno central, uniformiza mediante as reválidas e impón  un modelo lingüístico que elimina o ensino en galego e invade as cativas competencias que temos coa intención de afastar totalmente o ensino da nosa realidade social, histórica, cultural e lingüística”.

Por último, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público asegura que a lei repercutirá negativamente no ensino público e fortalecerá, pola contra, o ensino privado concertado que se verá favorecido coa creación de centros de excelencia, mediante a  selección do alumnado. “Blíndanse os concertos económicos cos centros privados, mesmo con aqueles que segregan o alumnado por razón de xénero, malia existir sentenzas que ditaminan a súa ilegalidade”.

Unha vez máis, conclúe, “estamos ante contrarreforma que reforza a confesionalidade e impide o ensino laico”. O anteproxecto mantén o ensino da relixión no currículo escolar, contemplando unha materia alternativa en Primaria e na ESO, que computarán no expediente académico, converténdose así nun efecto chamada para que o alumnado se matricule en relixión.  No Bacharelato, a materia de Relixión ten a consideración de materia específica, isto é, está situada entre as que o alumnado cursará un máximo de 3 e un mínimo de 2.

 

También te puede interesar