RGPD - Cookies
Galicia

Redondela fai unha aposta decidida pola compra nos mercados

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez, destacou hoxe en Redondela a aposta do seu departamento por potenciar os mercados como líderes na venda de produto fresco e de calidade, onde se leve a cabo unha venda moderna, con servizos, diversidade e excelencia ao tempo que se dá resposta ás novas demandas dos consumidores.

Vázquez Abeal, que participou no showcooking do cociñeiro Antonio Botana dentro do programa Cociña de mercado, posta en marcha en colaboración coa Deputación de Pontevedra, salientou a importancia de iniciativas de dinamización como a que hoxe se levou a cabo para poñer en valor a calidade dos produtos das prazas galegas, que actúan como vertebradoras do comercio de proximidade.

No marco desta iniciativa, levouse a cabo durante o pasado ano un concurso de receitas, entre os vendedores dos mercados, elaboradas a base dos produtos que eles comercializan. De todas as receitas participantes, seleccionáronse 24 que poden ser consultadas, xunto coas achegadas polos cociñeiros do Grupo Nove, nos puntos de información interactivos instalados en oito mercados municipais da provincia.

Dentro da estratexia integral de impulso ao sector comercial abriuse o prazo de solicitudes para o novo programa de axudas ás asociacións de comerciantes para a dinamización dos centros comerciais abertos e prazas de abastos, que está dotado con 2,2 millóns de euros. Ademais, nos próximos días publicarase no Diario Oficial de Galicia o novo programa de axudas co que se apoia aos concellos na mellora competitiva do comercio local, impulsando a modernización das zonas comerciais e prazas de abastos ou a posta en marcha de iniciativas de dinamización.

 

También te puede interesar