Galicia

Un morto e 78 feridos en accidentes de tráfico nas estradas galegas esta fin de semana

O 061 asistiu durante a fin de semana un total de 78 persoas debido a 57 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas dende as 3 da tarde do venres, día 26, ate as 12 da noite deste luns. O maior número de atencións por sinistros rexistráronse o sábado e o domingo con 24 accidentes respectivamente.

A Central de Coordinación do 061 recibiu nestes días 66 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 57 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 78 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 64 e do 36%, respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase cun 43% dos atendidos tiña entre os 20 e os 34 anos.

Por provincias foi Pontevedra a que rexistrou máis accidentes con 23 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 80. Así, a ambulancia medicalizada acudiu a dous sinistros, o helicóptero medicalizado asistiu a dúas persoas, as ambulancias asistenciais mobilizáronse en 64 accidentes, os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en oito ocasións e as ambulancias convencionais acudiron a catro sinistros.

En 64 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes e 9 foron atendidos no propio lugar do incidente sen necesitar traslado e 4 se atenderon nun centro de atención primaria e unha persoa faleceu no lugar do incidente.

 

 

También te puede interesar