RGPD - Cookies
Cultura

Milladoiro, este venres, en Pontevedra, pechando a súa xira

O grupo Milladoiro pecha a súa xira cun concerto no Pazo da Cultura de Pontevedra este venres ( 9 da noite). «Evidentemente non podería faltar Pontevedra porque para nós é unha cidade de grandísimos concertos na que se dá unha circunstancia importante xa que cinco dos integrantes do grupo somos pontevedreses e o que non é galego, Harry, vive tamén aquí», indicou Moncho García, onte, durante a presentación da actuación.

Pola súa banda, Nando Casal manifestou que no Pazo da Cultura farán un percorrido polas bandas sonoras cinematográficas que compuxeron ao longo deste tempo, unha das cales lles serviu para gañar un Premio Goya en 1986, pola música orixinal da película ‘A metade do ceo’, de Manuel Gutiérrez Aragón.

Actualmente, tras varios cambios na súa formación, Milladoiro está formado por Nando Casal (gaita, clarinete, tin whistle, cromorno), Xosé V. Ferreirós (gaita, óboe, tin whistle, mandolina e bouzouki), Moncho García (bodhrán, tamboril, percusión), Xosé A. Méndez (frauta travesera, frauta de pico), Antón Seoane (guitarra, acordeón, teclados), Harry.c (violín) e Manú Conde (guitarra, bouzouki).

Milladoiro naceu a finais da década dos anos 70 da unión da formación tradicional Faíscas do Xiabre, cos músicos Antón Seoane e Rodrigo Romaní. O seu primeiro concerto foi o 15 de maio de 1979 no Colexio Salesianos de A Coruña e editaron un total de 24 discos.

Durante estes anos levou a cabo un longo labor de recuperación e reivindicación da tradición musical galega e, por iso, emprega instrumentos locais como a gaita galega, o pandero ou a zanfona, xunto a outros máis universais como o clarinete, a frauta travesera, o violín ou o bouzouki.

 

También te puede interesar