O BNG de Ponteareas insistiu este mércores en que «a negociación segue aberta» para a presentación dunha moción de censura xunto aos outros partidos da oposición, ACIP e PSOE; ao tempo que pediu a estas dúas formacións que busquen «puntos de entendemento».
Os nacionalistas, que no caso de sair adiante a moción asumirían a Alcaldía, aseguraron que os tres partidos están «decididos a presentar a moción de censura« contra o goberno do PP e, sobre o veto do PSOE á presenza do edil de ACIP Juan Carlos González Carrera, avogou por que socialistas e independentes busquen «puntos de entendemento ante a esixencia formulada polo PSOE”.
O Bloque fixo un chamamento á «tranquilidade e ao sosego», engadindo que «os votantes das tres forzas reclaman un acordo, ninguén entendería que os tres grupos que suman a maioría continuasen na oposición tendo un programa de goberno pactado e permitisen o desgoberno dun PP en minoría e sen apoios dous anos máis».