RGPD - Cookies
Deportes

Natación terapéutica da man de COGAMI

Un total de 153 persoas con discapacidade da nosa comunidade benefícianse da natación terapéutica a través da Confederación Galega de Persoas con Discpacidade (COGAMI) a través dun proxecto que busca a mellora da saúde das persoas con discapacidade, tendo como finalidade unha atención especializada para que non se produzan retrocesos no estado da discapacidade debido á falta de atención especializada.

Segundo informa este venres  COGAMI, o programa de natación terapéutica permitira a participación das persoas con discapacidade de distintos concellos do rural galegos, unhas zonas que sempre contan con menos recursos por ser núcleos de poboación dispersos, menos poboados, con dificultades de comunicación de transporte ou con escasos medios económicos.

É así como xurde a idea de crear un programa de natación terapéutica que se vai desenvolver en 16 concellos das catro provincias, permitindo que se poidan beneficiar máis de 150 persoas usuarias de entidades que forman parte do movemento asociativo de COGAMI.

As zonas nas que se vai levar a cabo este programa van ser: Arzúa, Cabana de Bergantiños, Outes, Narón, Santiago, Chantada, Lalín, Monforte, Mos, O Porriño, Ponteareas, Tomiño, O Barco de Valdeorras, Ourense, Ribadeo e Xove. As persoas participantes van poder manter ou mellorar o estado físico e psicolóxico realizando exercicios relacionados coa mobilidade, a flotación, a respiración e a propulsión.

O programa aplicarase a modo de dúas sesións mensuais de 45 minutos de duración cada unha ata que chegue aos eu fin no próximo mes de xuño. En total distribúese en 16 sesións  de terapia acuática, que non só ten por que ser natación, tamén pode ser hidroterapia, tratamento nun balneario co que se teña concerto ou outra tipoloxía que teña como elemento rehabilitador a auga.

En grupos que non superan as dez persoas, estas  van experimentar unha mellora física e psicolóxica a través dos catro exercicios básicos de natación que repercuten na mobilidade, a flotación, a respiración e a propulsión.

Ademais, as persoas participantes deste programa -financiado pola Fundación Iberdrola– experimentarán unha maior interacción social porque as actividades desenvolveranse en piscinas municipais.

También te puede interesar