Vigo al minuto

O BNG á Deputación: “que corrixa as bases dos campamentos que discrimina á diversidade funcional”

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, reclamou hoxe á Deputación de Pontevedra que solucione “xa” a “discriminación de nenos e nenas con diversidade funcional” que na súa opinión están plasmadas nas bases dos campamentos que organiza este organismo. “Que se calen e deixen de ofender ás familias afectadas”, esixiu.

A tamén deputada provincial asegurou que hai “multitude de familias ofendidas debido a esta exclusión” e que calquera pode comprobar vendo a páxina web da Deputación provincial. “Dicir que os nenos e nenas con discapacidade non poden ir ás tendas de campaña que se utilizan nos campamentos son escusas de mal pagador e ofensivas para moitas familias”, sinalou Veloso.

A portavoz municipal nacionalista instou á institución provincial a “que deixe de xustificar o inxustificable, porque se os nenos e nenas non poden ir aos campamentos de A Lanzada ou de Príncipe Felipe é simplemente porque non os deixan, tal e como pon claramente na convocatoria”.

Sobre as chamadas telefónicas das persoas interesadas como método para poder participar nos campamentos deste organismo, Veloso destacou que “só fai confirmar o que pensa o BNG sobre a Deputación de Pontevedra, que é unha institución caciquil ao servizo do PP”.

También te puede interesar