Galicia

Segundo a Xunta, evoluciona a rexeneración da vexetación autóctona das Fragas do Eume

A Xunta ten constatado a evolución e a rexeneración da vexetación autóctona no Parque Natural das Fragas do Eume, naquelas superficies afectadas polo incendio rexistrado o pasado ano neste enclave natural de Galicia. Unha rexeneración que está sendo moi positiva, tanto nas áreas de fraga como nas superficies de matogueiras.

Medio Ambiente chega a esta conclusión despois de realizar varios controis que reflicten a recuperación continua na vexetación afectada das áreas de maior importancia ambiental do espazo natural. A modo de exemplo, nas zonas de superficie queimada, obsérvase unha progresión da cobertura vexetal nos puntos de mostraxe.

Tamén se revisaron os núcleos do pteridofito Culcita macrocarpa, na que se rexistraron danos, así como nos núcleos de fento Woodwardia radicans, e na actualidade se atopan en bo estado de conservación.

Zona de fraga e de reserva

Das 3.253 ha. (hectáreas) de zona de fragas coas que conta este espazo natural, resultaron afectadas no incendio 274 ha. de bosque de frondosas autóctonas, mentres que na área de reserva dun total de 300 ha. foron afectadas 61 ha.

Na meirande parte destas superficies, o nivel de afección foi de baixo a moderado e na actualidade presenta unha evolución favorable nas dúas áreas, xa que na meirande parte das superficies afectadas, o lume incidiu maioritariamente na capa orgánica de solo e nos estratos de herbáceos e arbustivos baixo o dosel arbóreo das frondosas caducifolias.

Por outro lado, respecto da protección do solo nestas áreas, a cobertura xerada baixo o dosel arbóreo polas follas caídas durante o inverno facilitou a creación dunha nova capa de materia orgánica que protexe o terreo fronte a procesos erosivos provocados polas precipitacións así como un primeiro paso na recuperación da microfauna asociada ao solo.

Na zona de matogueiras tamén se observa unha recuperación da vexetación, xa que a colonización das superficies queimadas por fentos e novos brotes de uceiras e toxeiras seguiulle unha alta xerminación de gramíneas que realizan un efecto protector do solo fronte a procesos erosivos.

 

También te puede interesar