Vigo al minuto

Os veciños de Teis culpan ao Concello do mal estado do cemiterio e queren que se arranxe en dous meses

Así o indican nunha nota na que indican que, logo das declaracións realizadas polo alcalde, nas que anunciou que o goberno municipal asumiría os arranxos dos 181 nichos do cemiterio de Teis, os afectados queren que se arquive o expediente que obrigaba aos propietarios a realizar as obras nos mesmos e coñecer o proxecto de arranxo que ten o Concello.

As dúas propostas presentaranse en dous escritos no Rexistro Municipal, logo de que os mesmos fosen aprobados onte pola asamblea da Asociación Veciñal. Na mesma decidiuse esixir ao Concello que realice as obras á maior brevidade, “nun prazo inferior a dous meses, debido ao mal estado dos nichos”, indicando que as melloras teñen que abranguer “a mellora da cimentación dos nichos e a recollida e canalización das augas do cemiterio e da contorna, responsábel dos problemas de estabilidade dos nichos”.

Os veciños salientan que a situación do cimeterio “débese á despreocupación e abandono do goberno municipal, dende hai anos”, ademáis delo denuncian que “nin a concelleira de Sanidade nin ningún outro membro do goberno municipal foron quen, nestes meses, de manter ningunha xuntanza ou contacto coa veciñanza”. Ademáis, lamentan que “o alcalde da cidade dedicouse a realizar declaracións a través dos medios de comunicación para confundir e manipular desde a súa privilexiada posición de poder”.

E rematan engadindo que “o alcalde non quer tratar con cidadáns que expoñan as súas opinións, senón con súbditos que aplaudan as súas ocorrencias. Cando desde colectivos veciñais, como o de Teis, limitámonos a expoñer as demandas do barrio, a veciñanza atopase sistematicamente co muro dun goberno municipal prepotente e incompetente”. Por iso, adiantan, “faremos un seguimento da situación do cemiterio e non daremos por rematado este conflito até que sexan arranxadas as causas que deron lugar ao deterioro dos nichos”.

 

También te puede interesar