Vigo al minuto

Música, roteiros e tapas no Casco Vello para celebrar o Día Internacional das Mulleres

O alcalde de Vigo e a concelleira de Igualdade e presidenta do Consello Municipal da Muller, Abel Caballero e Isaura Abelairas, presentaron este martes a programación co motivo da celebración do Día Internacional das Mulleres. Os actos previstos desenvolveránse o venres 8 de marzo, e o sábado, onde o Casco Vello acollerá actividades infantís, roteiros en feminino e música.

Baixo o lema Os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo, a programación procura visibilizar o traballo pola igualdade de homes e mulleres mediante actividades de carácter institucional e festivo, para todos os públicos.

Desde onte, e ata o venres, distintos establecementos do Casco Vello ofrecen as tapas de igualdade creadas para a ocasión, en colaboración coa Asociación de Comerciantes e Hosteleiros VigoVello. Durante esta semana, estase a celebrar como novidade un maratón de tuits pola Igualdade co hashtag #VigoIguala.

O venres, ás 10:00 horas, terá lugar no Concello de Vigo a tradicional sesión plenaria do Consello Municipal da Muller, e ás 22:00 horas, no Hotel Coia, entregarase o premio Ernestina Otero a Carmen Segurana pola súa traxectoria en defensa dos dereitos das mulleres e da igualdade.

O sábado, ás 12:30 horas, partirá da Praza da Constitución o primeiro Roteiro en Feminino Sons de Mulleres, guiado por María Casar. Entre as 17:00 e as 20:00 horas, o mesmo espazo do barrio histórico será a sede do espazo lúdico de Igualdade, unha mostra colectiva realizada polo alumnado de Secundaria, con actividades e xogos para os máis pequenos.

Na tarde do sábado, a Festa da Igualdade levará ao Casco Vello unha xornada de convivencia e reivindicación, desde ás 20:00 horas. O público asistente poderá gozar de música tradicional co grupo Tanxedoras, previo á leitura do manifesto do Consello Municipal da Muller, ás 20:45 horas na praza da Constitución. Desde ás 21 horas, música soul a cargo de Aysha, blues e canción de autora por Sés e de 23:00 a 00:00 horas o rap da viguesa Aíd.

También te puede interesar