Galicia

O ex alcalde de Santiago, Conde Roa, declara como imputado na segunda fase da ‘Operación Pokemon’

O ex alcalde declarará  este luns, ás 10 da mañán, nos xulgados de Lugo como imputado na denominada ‘Operación Manga’, segunda fase da ‘Pokémon’, que investiga supostas adxudicacións irregulares de contratos en varias cidades galegas. Mentres, o rexedor de O Carballiño foi citado para o venres día 8 como imputado na ‘Pokémon’.

Xerardo Conde Roa, que renunciou á Alcaldía en abril de 2012 tras ser procesado por un suposto delito de fraude fiscal, aínda pendente de xuízo, recibiu a citación unha semana despois de que axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira (SVA) efectuasen un rexistro do seu domicilio, do que se levaron varias caixas de documentación.

No marco das actuacións inténtase investigar se o ex rexedor puido cometer prevaricación ou tráfico de influencias dende o Concello, aínda que a defensa de Conde Roa explicou que non coñecen os motivos exactos polos que se pide a súa presenza no Xulgado de Instrución Número 1 de Lugo.

O pasado 14 de febreiro ademais do rexistro no domicilio de Conde Roa tamén foi detido o que fora o seu xefe de Gabinete, Ángel Espadas, para quen a xuíza instrutora da causa decretou prisión provisional tras prestar declaración, e que da militancia da cal no PPdeG foi suspendido de forma temporal.

Tamén o pasado 14 de febreiro foron arrestados o delegado de Aquagest en Santiago,enviado a prisión provisional, e un promotor cultural,en liberdade con cargos,así como o que naquel intre era concelleiro de Seguridade Cidadá en Compostela Albino Vázquez Aldrey, que renunciou á súa acta no Pazo de Raxoi tras saír en liberdade baixo fianza.

 

También te puede interesar