Galicia

A economía galega decreceu un 1,2% o ano pasado e caerá un 0,9% este

Ou, o que é o mesmo, o Produto Interior Bruto (PIB) galego contraeuse nesa porcentaxe, dacordo cos datos publicados este xoves polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que amosan que no último trimestre do ano pasado caeu un 0,6%, en relación aos tres meses anteriores.

Maila ao resultado, a Consellería de Facenda salientou que a economía mantívose dúas décimas por enriba do descenso rexistrado en España, que foi do 1,4% en 2012 e destacou que estes datos “confirman o diferencial positivo de dúas décimas da economía galega en comparación coa española”.

O PIB español acentuou a súa contracción durante o cuarto trimestre de 2012, ao rexistrar un descenso do 0,8% en taxa intertrimestral e unha caída do 1,9% en taxa interanual, tras acelerarse na caída do consumo e a inversión, segundo os datos de Contabilidade Nacional Trimestral publicados este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE). O organismo estatístico empeorou nunha décima as cifras que difundiu o pasado 30 de xaneiro, canto avanzou que a caída do PIB no cuarto trimestre fora do 0,7% e que en taxa interanual rexistrara unha contracción do 1,8%.

No caso de Galicia, no cuarto trimestre de 2012 o PIB reduciuse un 0,6% en relación os tres meses anteriores, co que encadea seis trimestres de cifras negativas. A economía galega rexistrou un descenso interanual do 1,6%.

O Goberno galego lembra que os presupostos para 2013 aprobados esta mesma semana polo Parlamento de Galicia manteñen que a comunidade se comportará “mellor que a media” e prevé un descenso do 0,9% do PIB en 2013, dúas décimas “mellor” que as estimacións dos organismos internacionais para España.

 

También te puede interesar