Vigo al día

O Sergas denunciará ao Concello polo retraso das obras do novo hospital

A Consellería de Sanidade vén de recibir un escrito do Concello de Vigo, no que lle notifica o acordo da xunta de goberno local que da resposta negativa ao requerimento do Servizo Galego de Saúde (SERGAS) sobre o “cumprimento das obrigas establecidas no Convenio marco de colaboración asinado no ano 2006 para a construcción do novo hospital de Vigo”.

Nunha nota enviada aos medios de comunicación, o Sergas lamenta que o Concello de Vigo “tardara tanto tempo en trasladar formalmente a súa intención de non cumprir as obrigas que lle correspondían tras anunciar públicamente a súa intención de denunciar o convenio en distintas ocasións, pero sen chegar a materializar ditos anuncios en ningún momento”.

O Concello contestou ao requerimento feito no último momento do plazo, o que ocasiona todo elo unha “demora no inicio da execución das obras para a dotación destes suministros e, tamén, no avance na construción desta instalación sanitaria fundamental para a cidade de Vigo”.

Segundo Sanidade, entre os compromisos adquiridos polo Concello no convenio marco que asinou en 2006 está á execución das infraestruturas urbanísticas precisas que garantan os servizos necesarios para a construción e funcionamento do hospital. En concreto refírese ao abastecemento de auga e o saneamento, así como a dotación de subministracións e servizos de gas cidade, electricidade, canalización de fibra óptica e calquera outro que sexa imprescindible ou necesario para a construción e funcionamento do hospital. A execución destas infraestruturas deberá concluír con anterioridade á finalización da construción deste centro, co obxecto de garantir a súa posta en funcionamento.

A cambio, por vez primeira “o Concello onde se instala o centro sanitario non tivo que asumir a cesión dos terreos, custes que foron asumidos pola Xunta de forma excepcional para dar cumprimento aos compromisos adquiridos pola Administración autonómica neste convenio”.

A Administración sanitaria galega, logo de coñecer por escrito esta negativa por parte do concello a colaborar na dotación das acometidas imprescindibles para a posta en marcha do hospital, “tratará de recuperar o tempo perdido”. Neste eido, dará instruccións para iniciar a construción das infraestruturas urbanísticas de suministro, co obxectivo de garantir que os terreos do centro hospitalario teñan os servizos necesarios no momento da posta en funcionamento do hospital.

Xunto con todo o anteriormente sinalado, “o Servizo Galego de Saúde iniciará as accións para reclamar os danos e prexuízos ocasionados por esta negativa a cumprir o convenio por parte do Goberno local”.

 

También te puede interesar