RGPD - Cookies
Galicia

Máis de 2.000 manifestantes esixen en Marín solución para a flota cefalopodeira galega

Máis de 2000 persoas acudiron onte á chamada dos mariñeiros afectados e da CIG-Mar, que continúan a esixir solucións aos diferentes gobernos para que a flota cefalopodeira poida faenar de novo en Mauritania. Reiteran a petición dun novo acordo pesqueiro da UE co país africano que poña fin á inactividade dos faeneiros galegos, amarrados desde o mes de xullo e «abocando á ruína ao sector», en palabras do responsábel nacional de CIG-Mar, Xabier Aboi, quen responsabiliza da situación aos executivos español e galego.

As rúas de Marín escenificaron mais unha vez o apoio popular co que conta o colectivo de mariñeiros afectados pola parálise da flota cefalopodeira. Despois de diferentes accións reivindicativas durante todo o tempo que os faeneiros levan amarrados, como concentracións diante da oficina de pesca da UE en Vigo e peches tanto na Deputación de Pontevedra como no Concello de Marín, botáronse de novo á rúa para reclamar solucións.

Denuncian a «falta de compromiso e de vontade política» dos gobernos do PP cun sector «estratéxico para o país», do que dependen centos de postos de traballo directos e indirectos. Ao nefasto acordo que expulsou unicamente á flota galega de augas Mauritanas hai que sumar o impagamento da axudas que a administración outorgou aos afectados grazas ás mobilizacións, e que só cobraron 24 dos 114 tripulantes.


Aboi sinalou a dupla vara de medir da Comisaria Europea de Pesca, M. Damanaki, que mentres argumenta o veto no suposto esgotamento do caladoiro, permite con este acordo que a nosa flota sexa substituída por outras moito máis voraces, como a chinesa e a holandesa.

Lembrou, ademais, o esforzo que supuxo para os mariñeiros e as súas familias a consecución dunhas axudas «que non regalou ninguén», xa que desde o primeiro momento os diferentes gobernos «mentiron sobre as axudas» e hoxe «nin tan sequera temos a prórroga publicada».

Serán os vindeiros 19 e 20 de febreiro cando Europa decida o futuro da flota.

 

También te puede interesar