RGPD - Cookies
Galicia

O BNG advirte a Caballero, nin voos a Londres nin becas de inglés

A portavoz municipal do BNG subliñou este venres que na situación de crise actual para o Bloque resulta prioritario fomentar a creación de emprego e os servizos sociais municipais “fronte ás subvencións a voos de baixa ocupación”, como é o caso do de Londres. A nacionalista lembrou que precisamente a eliminación desta subvención, xunto a outras emendas, foi unha das condicións que o Bloque marcou como innegociables e aceptadas polo goberno local para aprobar os orzamentos de Vigo de 2013.

“Do mesmo xeito que as emendas presentadas polo BNG foron innegociables tamén é innegociable o seu cumprimento”, salientou Iolanda Veloso, para quen é “unha frivolidade” volver ao debate sobre o voo a Londres ou as becas para mandar a estudantes durante quince días ao Reino Unido.

Segundo a portavoz do BNG “o prioritario” é loitar contra o desemprego e poñer enriba da mesa todos os recursos dispoñibles para atender ás persoas que máis sofren polas decisións “das políticas crueis do Partido Popular”. E ao seu xuízo, subvencionar voos a Londres “non cumpre ningún destes requisitos”.

Neste sentido, Iolanda Veloso sinalou que segundo os datos que periodicamente facilita Aena, o voo a Londres contou con 18.009 pasaxeiros, o que supón unha ocupación media do 56%, e que precisamente esta baixa ocupación deu orixe a que a propia aeroliña Vueling dixera que estaba buscando outro aeroporto dende o que operar.

“Nós apoiamos Peinador e precisamente por iso o BNG elaborou un Plan estratéxico coordinado cos outros aeroportos galegos que o PP se encargou de gardar nun caixón: Pero o voo a Londres non é o que vai salvar agora o aeroporto vigués, como poñen de manifesto os datos”, salientou a portavoz nacionalista.

Para Iolanda Veloso “non hai xustificación para que o Concello siga gastando millóns de euros nun programa que os propios vigueses e viguesas non ven como prioritario dado o seu baixo nivel de ocupación”.

A respecto das Aulas Internacionais, Iolanda Velos recordou as súas palabras no pleno de aprobación dos orzamentos do 30 de decembro, cando dixo que se o alcalde presenta algunha modificación orzamentaria para sacar adiante este proxecto non vai contar con BNG.Dende entón o Bloque non mudou, xa que non consideramos que sexa un programa prioritario”, manifestou.

“Non ten sentido  dedicar máis de 1,2 millóns de euros a un programa que os propios informes municipais consideran que non forma parte das competencias do Concello”, sinala a nacionalista ao respecto, quen lembra que outro aspecto que leva ao BNG a rexeito o programa é que nas súas bases non recolle os criterios de renda como elemento decisorio para conceder as becas.

Noticias relacionadas: Abel Caballero, «no hay nada como que te digan es el mejor alcalde que hubo nunca, siga así»

 

También te puede interesar