Galicia

Estudantes de Traballo Social farán prácticas nos xulgados galegos

A Xunta, o Consello Xeral do Poder Xudicial, a través do Tribunal Superior de Xustiza, e a Universidade de Santiago de Compostela veñen de firmar un convenio de colaboración que permitirá aos alumnos da Escola Universitaria de Traballo Social facer prácticas tuteladas en Xulgados de Menores e de Familia de Galicia.

A través deste convenio, os alumnos poderán facer os “Prácticums” que se lle esixen nos seus correspondentes plans de estudos, cunha duración máxima de 518 horas e ata 20 créditos. A Escola Universitaria de Traballo Social e a Xunta elixirán un representante cada un, que serán os encargados de coordinar as prácticas.

Estes dous representantes elixirán a súa vez aos profesionais dos distintos centros, que actuarán como titores dos alumnos ao seu cargo. As súas funcións serán orientar e asesorar a cada estudante e facilitarlle os datos e a axuda precisa para participar nos proxectos de traballo que se estean realizando. Ademais, farán un seguimento do alumnado e emitirán un informe sobre o seu aproveitamento.

Para garantir o cumprimento do convenio, constituirase unha comisión mixta, formada por un representante da Consellería de Presidencia, o TSXG, a USC e a Escola Universitaria de Traballo Social. O convenio terá vixencia de dous anos académicos, con posibilidade de prorrogarse se ningunha das partes expresa o contrario.

 

También te puede interesar