Deportes

O equipo galego ‘Natural Sport’, subcampión de Europa de Taekwondo

Despois de cinco días de competición, o Natural Sport Videlgi de Riveira logrou o segundo posto na clasificación do Campionato de Europa de Clubes, que se estivo celebrando ata este domingo en Atenas. Na última xornada, a xúnior Pilar Rodríguez Maneiro (Natural Sport) logrou o ouro na súa categoría. Era a última participación galega e coa súa de todas as medallas, o Natural logrou a prata na clasificación de clubes.

Na última xornada competíu a xúnior Pilar Rodríguez que fixo unha competición perfecta. Na primeira rolda eliminou a un representante de Grecia (5-12); na segunda foi moi contundente contra Tsioulaka (10-1); en semis gañou a Aikaterini Tzellou nun apertado combate (2-4) e finalmente na final logrou o triunfo fronte a Ioanna-Stauroula Desylla (9-3).

Con este triunfo, o Natural Sport de Riveira pechou o botín cun total de doce medallas (cinco ouros, tres pratas e catro bronces) e así logrou o segundo posto na clasificación de clubs, un espectacular resultado para os galegos que tiveron unha durísima oposición sobre todo nos clubs gregos e turcos. Para a clasificación de clubs se suman os resultados das tres categorías (sénior, júnior e cadete).

Os ouros foron para Miguel Orro, Ainara Brión, Laura Dosil, Lúa Piñeiro e Pilar Rodríguez, mentres que as tres pratas as conseguiron Miguel Cobas, José Fernández e Lara Ouviña. Finalmente, os deportistas Francisco Padín, Fernando Rascado, Manu Parada e Adriano Jiménez lograron a medalla de bronce para o Natural.

 

También te puede interesar