Galicia

A conselleira de Facenda agarda que “en 2015 podamos crear emprego neto”

A conselleira de Facenda, resaltou hoxe que Galicia “está, neste momento, blindada fronte ao rescate que están pedindo outras comunidades”, polo que garantiu que “os cidadáns galegos non terán que facer os esforzos extraordinarios que esixe acudir á axuda financeira do Estado”.

Nunha entrevista na Cadena Ser, Elena Muñoz lembrou que “Galicia non tivo que acudir a ningún dos mecanismos de financiamento que puxo o Estado a disposición das autonomías” que, ademais, “esixían esforzo extraordinarios”, polo que os cidadáns galegos non tiveron que sufrir os seus efectos.

A titular de Facenda indicou que Galicia puido atopar financiamento no mercado en 2012, “o ano quizais máis difícil para o financiamento”, e foi a primeira comunidade en completar o seu programa de endebedamento. “E iso é porque os investidores confían en Galicia para investir na nosa débeda pública e iso nos permite ter unha solvencia que nos blinda desas medidas extremas”, resaltou.

Elena Muñoz Fonteriz explicou que os orzamentos para 2013, un ano que será complicado, “garanten as prestacións dos servizos básicos” e buscan “empezar a sentar as bases cara ao crecemento económico. Así, subliñou que combinan a aposta polo gasto social, co 77% do total de recursos dedicados a educación, sanidade e servizos sociais, coa baixada do gasto improdutivo e o mantemento nun nivel moi importante dos gastos de capital, pois afirmou que “Galicia será a segunda comunidade autónoma con maior esforzo investidor”.

Ademais, indicou que os orzamentos da Xunta son “realistas, teñen vocación de anualidade, é dicir, son para todo o ano”, e engadiu que este exercicio, ao contrario do anterior, o Goberno central aprobou as súas contas, polo que tamén achega certidume aos orzamentos galegos.

Sobre as peticións da oposición de incrementar os impostos ás rendas máis altas, Muñoz Fonteriz explicou que analizou as súas propostas pero “tiñan un impacto moi pequeno”, duns 5 millóns de euros, porque moi poucos galegos gañan máis de 100.000 euros, polo que “non solucionan o problema de importante baixada de ingresos da comunidade”. Neste senso, amosouse aberta a dialogar cos demais grupos parlamentarios no trámite orzamentario sobre como aumentalos.

A titular de Facenda confía en que no último trimestre deste ano “comece a cambiar a tendencia e a recuperar taxas positivas de PIB, que esta se vaia consolidando no ano 2014 e que xa no 2015 se acaden taxas de crecemento que permitan crear emprego neto”. En canto ao mercado laboral en 2013, sinalou que “Galicia seguirá mantendo diferenciais positivos” en relación á media do Estado e que a Xunta seguirá traballando para que os desempregados poidan recuperar o seu traballo.

Por outra banda, amosou a súa confianza en que os xestores de Novagalicia Banco poidan conseguir que a entidade siga en solitario, “unha vez que xa está recapitalizada e conta cun marco normativo definido”. Concluíu que a Xunta leva desde hai máis de tres anos “pelexando polo mantemento dunha entidade financeira radicada en Galicia e que atenda o financiamento das empresas e familias galegas”.

 

También te puede interesar