Comarcas

O BNG denuncia que o paro en Salvaterra supera en preto de 3 puntos o do conxunto de Galicia

Segundo indica o Bloque Nacionalista Galego,o  paro rexistrado no concello de Salvaterra de Miño en outubro de 2012 era de 1.184 persoas “tendo en conta que a poboación activa en Galicia é o 55% da total, en Salvaterra a taxa de paro supera a media en 2,7 puntos” . O Bloque sinala que, destas persoas , máis do 50% están na ratio comprendida entre os 25 e 44 anos, das cales “as porcentaxes nas mulleres levan a pior parte , pois superan en 5 puntos ás dos homes”.

Os nacionalistas subliñan que nos últimos dous anos , o incremento do desemprego neste concello foi dun 13.5% entre o ano 2010 e o 2011 e dun 14.5% entre o  2011 e o 2012.A vista das cifras deste pasado mes de decembro das que Galicia foi a comunidade do Estado que máis paro rexistrou, estes datos son máis preocupantes a día de hoxe”.

O BNG constata que, a dependencia económica de sectores coma a construción e servizos,  xunto a “unha formación moi limitada e pouco diversificada en xeral  dos traballadores”, fan presaxiar un futuro inminente de aumento de paro e de baixa ou nula oferta laboral que se reflicte nas escasas contratacións que se efectuaron nestes dous últimos anos “nos que houbo meses nos que apenas se asinou un contrato indefinido, sendo os restantes temporais”.

O Bloque lamenta que, “nin dende a Xunta nin dende o Concello se estimulen  alternativas que poidan xerar emprego e que teñen un  potencial que en comarcas veciñas si se están a promover coma son o sector agropecuario ou o forestal”. Lamentan tamén os nacionalistas a “inacción e pasividade do goberno do PP de Salvaterra, agardando acontecimentos, así coma as falsas promesas da posta en marcha dunha plataforma loxística estancada dende que o PP chegou a Xunta en 2009 e sen visos de actividade nos vindeiros anos”.

Na opinión dos seus concelleiros, agardar por unha pronta recuperación do sector da construción ou por un inicio da actividade industrial na PLISAN “son meras quimeras, e o tempo que se está a perder agora  xa non se vai recuperar logo”.

 

También te puede interesar