Galicia

Convocada unha manifestación, este sábado, en Santiago, en defensa dos postos de traballo de Novagalicia Banco

As organizacións sindicais con representación en Novagalicia Banco a plantilla da entidade, convocan para o vindeiro sábado, día 12 de xaneiro, unha manifestación que sairá ás 12:00 horas da Alameda Compostela para reclamar a derrogación do Plan de Resolución de NGB e a “negociación dun plan alternativo sostíbel e viábel que evite as graves consecuencias sociais e laborais do rescate”.

As centrais sindicais denuncian que o actual Plan de Restruturación contempla a destrución de 2.508 postos de traballo directos na propia entidade, máis despedimentos nas empresas auxiliares e que “provocará a desaparición da participación accionarial da antiga Caixa de Aforros no banco, poñendo en perigo a viabilidade da Obra Social, Asistencial e Cultural e os postos de traballo asociados a ela”.

Subliñan, que desde a súa creación, os beneficios das Caixas revertían na sociedade e agora, despois do rescate que pagará a cidadanía rematarán nos petos de accionistas privados. Cuestionan a dura e inmoral” quita para @s aforrador@s posuidores de débeda subordinada (preferentes e obrigas), mentres se garante o pagamento aos grandes investidores posuidores de células hipotecarias.

Alertan de que “o conxunto da sociedade asumirá as perdas derivadas da mala xestión das dirección”, coa complicidade da Xunta, banco de España, goberno central e Consello Nacional do Mercado de Valores, “transformándose a débeda privada en débeda pública, ao tempo que se privatizan os futuros beneficios”.

Denuncian o peche de oficinas, nomeadamente no rural, que “levará á marxinación financeira dunha parte importante da poboación” alá onde os bancos privados, por criterios de rendibilidade pecharon e só quedaban as caixas.

Advirten ademais de que “a valoración negativa da entidade implica a incautación do patrimonio acumulado polos aforros de milleiros de galegos durante case dous séculos” e do desinvestimento das participacións empresariais que NCG banco mantiña en máis de 170 empresas que “xera incerteza sobre a estabilidade accionarial de numerosas empresas galegas”.

 

También te puede interesar