Vigo al minuto

A CIG pide reunións coa Xunta e Deputación para o mantemento dos empregos no MARCO

A federación de Servizos da CIG solicitou xuntanzas co presidente da Deputación de Pontevedra, coa delegada da Xunta en Vigo e co secretario xeral de Cultura para reclamarlles o mantemento de todos os postos de traballo no Museo de Arte Contemporáneo de Vigo (MARCO).

Dende a central nacionalista non descartan a convocatoria de mobilizacións para rexeitar a redución de xornada e o despedimento dos cinco gardas de seguridade do museo vigués.

O responsábel de negociación colectiva da CIG-Servizos, Pedro Pérez, remitiu xa tres escritos solicitando entrevistas con Rafael Louzán, María José Bravo e Anxo Lorenzo para abordar a a problemática laboral aberta no centro tras a drástica redución do seu orzamento.

Pérez adiantou que lles pedirá que “aínda que non sigan como patróns do MARCO asinen convenios con partidas finalistas que permitan o normal funcionamento do centro e o mantemento dos empregos”.

Se estas xestións non dean o resultado agradado e as Administracións públicas non se comprometan na defensa dunha das infraestruturas culturais máis importantes da cidade de Vigo, a CIG levará a cabo mobilizacións diante do museo.

A perda de fondos provocou a redución da xornada laboral dos traballadores e o despedimento dos cinco gardas de seguridade cos que contaba o centro.

También te puede interesar