Vigo al minuto

O BNG permite ao Goberno de Vigo sacar adiante o seu orzamento de 228,8 millóns de euros

Imaxe dun pleno municipal anterior

Este xoves, os concelleir@s do PSOE e do BNG validaron as contas do Concello para 2013 co que quedou aprobado de xeito inicial o orzamento municipal que ascende a 228,8 millóns de euros. Grazas aos votos do BNG, o Goberno en minoría do rexidor, Abel Caballero, recibiu o visto bo, pese aos votos en contra dos concelleiros do PPdeG.

Durante o debate plenario, a responsable de Economía e Facenda, Raquel Díaz, destacou que o presuposto de 228,8 millóns de euros é o terceiro máis elevado na historia polo “maior esforzo en gasto social e emprego” realizado e que están centrados na “acción social, no emprego e na educación e o deporte”.

O orzamento municipal para 2013 ten dous obxectivos básicos, segundo informou Díaz, a reducción progresiva da presión fiscal e a rebaixa do endebedamento do Concello, que caerá nun 2,12% quedando no 25,74%.

Díaz apuntou que o de 2013 ten o maior gasto en política social dun orzamento do Concello, 20 millóns de euros, cando hai sete anos adicábase ao efecto 7 millóns. Salientou a concelleira de Economía o apoio a entidades sociais, os programas de atención e o Centro de Inclusión Social da cidade, o único destas características que xestiona un municipio en Galicia.

En materia de emprego, o Concello destina 20 millóns para políticas directas e indirectas, investimentos e convenios para a creación de postos de traballo.

Educación lévase 11,5 millóns deste orzamento municipal incluíndo partidas para dúas novas escolas infantís municipais a construir en Navia e Lavadores e conxelando os prezos das seis en funcionamento, ademais da próxima apertura da sede viguesa da UNED -que financia integramente a cidade de Vigo- e de incrementar as bolsas de comedor.

A edil apuntou que Cultura terá un “apoio claro” do goberno local con 7 millóns, incluíndo unha partida para financiar o 90% do orzamento do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, e o Deporte, tanto de base como de elite, verá incrementados os seus recursos nun 6%, ata os 8,6 millóns estipulados para 2013.

No capítulo de investimentos, o goberno contará o próximo ano con 14 millóns para “xeración de emprego e infraestruturas de futuro” como mercados e escolas infantís. O mantemento dos barrios e das parroquias leva 2 millóns de euros e as subvencións á entidades increméntase nun 14,1% ata os 23,5 millóns.

Díaz afirmou que a débeda do Concello de Vigo se verá rebaixada ata un 25,74%.

Por a súa parte, o voceiro do BNG, Santi Domínguez, recordou que foron as enmendas incluídas polo seu grupo as que permitiron conxelar as tarifas do autobús e da auga, así como a suba en 3 millóns para emprego e política social, xunto coa inclusión de partidas para dúas novas escolas infantís en Navia e Lavadores.

En contra mostrouse o responsable do PPdeG, José Manuel Figueroa, quen ve “insuficiente” un orzamento que “non soluciona os problemas” sociais, culturais e deportivos da cidade.

Para os populares o orzamento aprobado incrementa a débeda ata os 80 millóns e reclamou ao Goberno local facilitar os investimentos en Vigo doutras administracións e de entidades privadas.

También te puede interesar