Cultura

A Rede de Dinamización Lingüística celebra o Nadal cunha ampla programación de actividades

A Rede de Dinamización Lingüística (RDL) celebra o seu primeiro Nadal ofrecéndolle á cidadanía interesantes actividades de promoción da lingua galega enmarcadas en dous programas de dinamización: falaRedes e Nadal en Rede.

FalaRedes continúa a súa andaina

FalaRedes, que leva percorrendo Galicia dende febreiro coas actividades Galego de cine (para nenos), Titerehop (para adolescentes) e O señor das dunas (para público de todas as idades), vai chegando ao seu fin. Onte mesmo tivo lugar en Cee a derradeira das sesións do obradoiro Titerehop. Con todo, esta fin de semana aínda poderemos gozar do contacontos O señor das dunas, en que un actor nos relata unha historia mentres un artista gráfico a vai ilustrando con area ante o público. O señor das dunas pode verse hoxe no Albergue de peregrinos de Dumbría ás 18:00 h e estará mañá á mesma hora no Salón de actos do Centro Cívico de Xove.

Nadal en Rede

Mais o programa da RDL especificamente dedicado a estas festas é Nadal en Rede. Este iniciouse co envío aos concellos de cartas para que os nenos lles escriban aos Reis en galego e mais dun libro con discursos na nosa lingua para que as Súas Maxestades de Oriente poidan ler durante a cabalgata do 5 de xaneiro. Ademais, ao longo da semana que agora remata, Melchor, Gaspar e Baltasar visitaron os concellos de Castro de Rei, Cuntis, Corcubión, Aranga, Sober, Maside, Mondariz-Balneario, A Lama e A Baña, onde 1000 nenos de entre 3 e 7 anos os recibiron con entusiasmo e os escoitaron falar no seu idioma.

Tamén no marco de Lingua de Reis, onte publicouse no web da Secretaría Xeral de Política Lingüística a guía Este Nadal… agasalla en galego, cun catálogo de produtos na nosa lingua que podemos regalarlles aos nosos seres queridos co gallo da Noiteboa ou do 6 de xaneiro. Ademais, a semana que vén iniciarase o obradoiro de cantos de Nadal “Cantámosche os reis”, que busca revitalizar a tradición de cantar na nosa lingua melodías propias destas festas.

 

También te puede interesar