Vigo al minuto

EU denuncia “arbitrariedades”nos convenios do Plan Local de Emprego e estuda remitilos ao Tribunal de Contas

Esquerda Unida (EU) ven de denunciar a  “arbitrariedade” dos convenios asinados polo gobernó local con diferentes entidades e colectivos no marco do Plan de Emprego Municipal. EU sinala que os mesmos teñen a súa orixe orzamentaria nos capítulos 2, Gastos de Bens Correntes e Servizos e o 4, Trasnferencias Correntes, ao tempo que lembra que a propia Lei Galega de Subvencións establece que os convenios son “fórmulas que con carácter excepcional cando causas debidamente xustificadas dificulten a convocatoria pública”.

Por iso, o coordenador de EU en Vigo indica que “o modelo que o Concello está levando a cabo para a concesión de convenios é a todas luces arbitrario”, algo que “ven sendo reiteradamente denunciado por múltiples asociacións sociais e veciñais da cidade”.

Rubén Pérez asegura que existen outras fórmulas máis “transparentes, democráticas e igualitarias” de crear postos de traballo antes que o “convenio que non garantiza a publicidade da oferta de traballo xenerada”.

Esquerda Unida, que está realizando unha valoración dos Orzamentos para 2013 “ten  detectado unha vontade política de continuar con esta fórmula de reparto de diñeiro público” que considera que ten que contar con outro modelo de arbitraxe baseado no Concurso Público Ordinario que “evite certas prácticas sospeitosas e que para nada están na liña do que ten que ser a xestión pública progresista”.

O coordenador local de EU considera lóxico o informe do interventor municipal sobre as fórmulas de outorgamento de subvencións a organizacións sindicais pero fai extensible esta situación a decenas de convenios que semanalmente aparecen asinados dende a xunta de goberno local os cales “imos auditar dende o compromiso coa trasparencia e o dereito democrático de todos os vigueses e viguesas en situación de desemprego a obtar a un emprego financiado con cartos públicos en igualdade de oportunidades e con publicidade previa”.

Por elo, Esquerda Unida non descarta remitir un escrito ao Tribunal de Contas esixindo a fiscalización dos convenios asinados polo Concello de Vigo.

 

También te puede interesar