O Director Xeral de Vitrasa, anunciou este mércores que a empresa e a plantilla chegaron a un principio de entendemento para por fin ao paro no servizo urbán de autobueses. “Trátase dun acordo satisfactorio para ambas partes e estou especialmente satisfeito polos nosos usuarios que volven a recuperar a normalidade no servizo”. Despois de 12 xornadas, a folga desconvocarase ás 00.00 deste xoves 13 reanudándose cos servizos habituais e pondo en marcha a esa hora o servizo especial para recoller aos afeccionados tras o partido que terá lugar no Estadio de Balaídos entre o Real Club Celta de Vigo e o Real Madrid.
Juan Carlos Villarino agradeceu a importante labor dos mediadores “porque souberon encontrar os puntos de acordo na negociación do convenio”, ao Comité de Empresa “pola súa responsabilidade no intento de aproximar as posturas”, ao Alcalde de Vigo e Concelleiro de Mobilidade “pola súa paciencia” e especialmente aos cidadáns. “Os nosos usuarios tiveron que sufrir o mal servizo que se ofreceu durante os días da folga polo que agradecemos a súa comprensión e lamentamos as molestias ocasionadas unha vez máis”, sinalou o director Xeral de Vitrasa.
Segundo a concesionaria, o acordo recolle as principais demandas a nivel social que reclamaban os traballadores en materia de descansos, vacacións ou horario de traballo, entre outros, e “que permitirán unha mellor conciliación da vida laboral e familiar”. O próximo paso será a redacción do texto do convenio, que terá unha validez de dous anos 2012-2013, e que “se firmará nos vindeiros días”.