Galicia

5,5 millóns para facilitar a incorporación de cen investigador@s en etapa predoutoral, nas universidades galegas

A Xunta facilitará a incorporación de preto dun cento de investigadores á etapa predoutoral no Sistema Universitario de Galicia (SUG). Para iso, vén de resolver a concesión de axudas do Programa de apoio á etapa predoutoral, no marco do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento 2011-2015 (Plan I2C) para o ano 2012, pola que se destinarán máis de 5,5 millóns de euros para o financiamento de 99 contratos.

Trátase da segunda convocatoria destas características no marco do Plan I2C, que impulsa liñas estratéxicas para a formación nos campus de excelencia internacional: Campus Vida (USC) e Campus Mar (UVigo).

Estas axudas teñen coma obxectivo aproveitar recursos humanos ligados á I+D+i, fomentando que a formación de doutores nos centros do SUG, co obxectivo de que o sistema alcance unha dimensión dos seus recursos humanos de investigación comparable a outros países europeos. Esta etapa constitúe ademais a base para que mediante a execución dun proxecto de investigación se adquiran as habilidades propias do persoal investigador.

Ao abeiro desta resolución a Xunta financiará un máximo de 99 contratos, 75 deles  na modalidade de axudas de apoio á etapa predoutoral de carácter xeral e 12 para as modalidades correspondentes a cada un dos respectivos campus de excelencia.

Na modalidade xeral a Universidade de Santiago de Compostela obtivo 39 axudas, a Universidade da Coruña 16 e a Universidade de Vigo 20. No caso das bolsas destinadas á formación de doutores no Campus Mar, 2 foron concedidas á USC, 3 á UDC e 7 á UVigo; mentres que as axudas para quen se formen no Campus Vida corresponderon a 11 estudantes da USC e a 1 da UDC.

 

También te puede interesar