Comarcas

Aberto o prazo para o obradoiro infantil de Nadal en Mos

Xa está aberto o prazo de inscrición para o Obradoiro de Nadal dirixido ós nen@s empadroad@s en Mos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos. Dito obradoiro celebrarase dende o 24 de decembro ó 7 de xaneiro de 09:00 horas a 13:00 horas (de luns a venres) na Ludoteca de San Rafael, parroquia de Pereiras.

Segundo informan este marte fontes do Concello de Mos, o prazo de inscrición rematará o vindeiro 17 de decembro e os pais interesados en que os seus fillos participen neste obradoiro deberán cumprimentar a solicitude que poden obter nos departamentos municipais de Participación Cidadá e Rexisto antes da data tope. O prezo por participante é de 50€.

A concelleira de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón, explicou respecto deste obradoiro que “no período de vacacións dos máis pequenos orixínase a necesidade de conciliar a vida laboral coa vida familiar ademais de dar un servizo de ludoteca, por isto ofrecemos un Obradoiro de Nadal, cunha oferta variada de actividades lúdicas, deportivas, xogos e talleres, co fin de achegarlles aos escolares do Concello de Mos unha alternativa de ocio e tempo libre mentres os seus pais e nais traballan”.

O obradoiro realizarase en horario de mañá e nel desenvolveranse distintas actividades como xogos de presentación e coñecemento, taller de manualidades, saída a unha pista de xeo, xogo de pistas, reciclaxe, celebración da Noite Boa, cociña, danza, Gala de Nadal e campanadas, decoración de Nadal, xogo de Nadal, animación á lectura e contacontos, e Gala de Despedida.

Precisamente, sobre a Gala de Despedida consistirá en que o 7 de xaneiro celebrarase unha festa para os participantes e para os pais e nais destes; que contará con decoración propia, actuacións, baile, etc. Todo preparado polos rapaces e rapazas participantes, coa axuda dos monitores, durante o obradoiro dos días anteriores.

También te puede interesar