RGPD - Cookies
Galicia

Segue adiante en Pontevedra a folga de fame pola condena de prisión de 3 sindicalistas

Guillerme Vázquez visitou onte aos folguistas (foto: web CIG)

A folga de fame iniciada pola CIG en protesta pola condena a tres anos de prisión a tres sindicalistas que formaban un piquete na folga do comercio de alimentación en 2009 chega este martes á súa cuarta xornada, na que tomarán o relevo os secretarios comarcal de Vigo e nacional da federación de Servizos, Serafín Otero e Paulo Rubido, respectivamente.

Segundo informan fontes do sindicato nacionalista, a caravana instalada fronte á Audiencia Provincial de Pontevedra onde pasan a noite os folguistas foi visitada onte polo voceiro nacional do BNG, Guillerme Vázquez.

A protesta cumprirá catro xornadas este martes ao mediodía, despois de que o secretario xeral do sindicato nacionalista, Suso Seixo, e un dos afectados pola sentenza, Marcos Cadórniga, fosen os encargados de iniciala o pasado venres.

Agora serán Otero e Rubido os que substitúan ao responsábel comarcal do sindicato e ao outro membro da CIG condenado a prisión. O cambio de quenda terá lugar este martes ás 12:00 horas na caravana instalada fronte ao edificio xudicial.

As mostras de solidariedade están a ser continuas dende que comezou a folga de fame que se desenvolve en quendas de 48 horas até o vindeiro 14 de decembro. Antes, o día 4, hai convocadas concentracións fronte aos xulgados das sete cidades galegas.

Neste tempo tamén se recolleron preto de medio milleiro de sinaturas rexeitando a sentenza e solidarizándose cos compañeiros condenados.

También te puede interesar