Galicia

Sanidade adianta as citacións para vacinarse contra a gripe para o vindeiro mércores, día 28

Dende o vindeiro mércores, día 28 de novembro, @s galeg@s que o desexen poderán ser vacinados contra a gripe, unha vez que a Consellería de Sanidade xa dispón das dosis suficientes para normalizar a campaña.  A Axencia Española de Medicamentos e Produtos sanitarios inmovilizara, de xeito preventivo, o 26 de outubro, centos de vacinas antigripais da compañía Novartis, por mor da presenza de partículas brancas en suspensión nalgúns lotes.

A Consellería de Sanidade lembra a importancia da vacinación, pois “é o mellor mecanismo para protexerse fronte á enfermidade e evitar complicacións asociadas á mesma”. Esta campaña está destinada a todas as persoas de 60 ou máis anos e as pertencentes aos grupos de risco. Inclúense nos grupos de risco da vacina antigripal ás persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias; persoas institucionalizadas con procesos crónicos e aquelas con enfermidades metabólicas crónicas ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes -de seis meses ata 18 anos- con tratamentos prolongados de aspirina; as persoas con obesidade mórbida; e as mulleres embarazadas durante a temporada de gripe.

Inclúense tamén na poboación diana os grupos con posibilidade de transmitir a gripe a outras persoas de alto risco, como os traballadores de centros sanitarios e sociais, e tamén as que desenvolven traballos esenciais para a comunidade, como policías e bombeiros; as que pola súa ocupación poden estar en contacto con aves; e os viaxeiros internacionais.

Hai que destacar que as vacinas da gripe son eficaces e seguras, non habendo ningunha incidencia especial relacionada coa seguridade da vacina tras o aviso de inmobilización duns lotes decretadas por diversas axencias do medicamento europeas.

Poñerse en contacto co centro de saúde

@s interesad@s en vacinarse deben pedir cita polos mecanismos habituais ou poñerse en contacto co seu centro de vacinación, onde lle informarán de como e onde solicitar a cita. As persoas con 60 ou máis anos, así como aquelas que sufran enfermidades crónicas, deben acudir ao seu médico de cabeceira ou centro de saúde onde serán informados das vacinas que deben recibir.

 

También te puede interesar