Comarcas

Homenaxe ás mestras e mulleres educadoras en Tui

A Sala Municipal de Exposicións do Concello de Tui acolle ao longo deste mes a exposición ‘Elas ensinan’ ,unha homenaxe ás mulleres educadoras, pedagogas e mestras, como pioneiras da incorporación das mulleres ao mercado laboral. Esta mostra achégase ata Tui baixo a organización do Centro de Dinamización Integral das Mulleres.

A exposición recolle as historias de vida de 18 mestras galegas que compartiron o interese pola educación das xeracións máis novas, ás que serviron de modelo profesional e vital. Pero a mostra tamén apela ás lembranzas, aos sentimentos desa etapa na que se forxa a personalidade, na que se aprende todo o que as mestras nos transmiten, ciencias, letras, música e arte na procura dunha formación humanista e integral.

Unha homenaxe ás educadoras e pedagogas que lle impuxeron as condicións sociais, económicas, xeográficas e históricas de Galicia entre finais do XIX e o XX.

Unha etapa que reflicte a longa dedicación histórica das mulleres ao campo do ensino, especialmente no eido das primeiras letras, o ensino infantil e o primario, para paulatinamente irse achegando aos demais niveis educativos ata acadar a situación de feminización docente que se está a vivir na actualidade.

Mulleres innovadoras e decididas, sempre na procura de novos métodos pedagóxicos para mellorar a educación do seu alumnado por difícil que fose a situación e as características particulares de cada grupo, proporcionando a cerna para unha participación feminina máis ampla na educación superior e no mercado laboral.

Un papel transformador da sociedade, a través da transmisión do coñecemento e da profunda pegada do seu traballo en todos e todas nós.

A exposición está composta por paneis sobre a vida e o traballo das dezaoito mestras galegas seleccionadas para esta mostra e complétase co acceso a unha base de datos onde se recollen as biografías de moitas mulleres mestras, co obxectivo de que as persoas interesadas poidan acceder á información sobre unha persoa en concreto ou mesmo sobre as mestras que desenvolveron a súa actividade nun concello determinado.

Tui ten previsto organizar ao longo deste mes de novembro diversas actividades arredor desta mostra itinerante que nos achega á traxectoria destas mulleres precursoras na actividade docente na nosa terra.

También te puede interesar