Cultura

Seis finalistas, hoxe a polo premio de música de ‘Xuventude Crea’

Seis solistas e grupos participarán hoxe na final da especialidade de música do certame Xuventude Crea. Os clasificados para esta fase final son os solistas Carlos Gende Prego (Cerceda) e Gustavo Esteban Barragán (Pontevedra), xuntos cos grupos Verso Libre (Vigo), Tío Phil Jazz Group (Meaño), A máquina de meter medo (A Coruña) e Nagai (Marín).

Os gañadores desta fase recibirán 3.000 € por quedar en primeiro lugar; 1.500 no caso de obter o segundo posto; e 1.000 € para o terceiro. Ademais, os premiados en teatro e música terán a oportunidade de representar as súas creacións nunha serie de actuacións por distintos concellos galegos. En concreto, os que obteñan o primeiro premio contarán con dúas actuacións; mentres que os segundos e terceiros clasificados actuarán nunha cada un deles. Cabe lembrar tamén que os primeiros clasificados en artes plásticas poderán participar en exposicións colectivas incluídas no Circuíto da creatividade.

En total, na convocatoria deste ano do certame Xuventude crea participan máis de 300 mozos e mozas de entre 16 e 30 anos, autores de 245 proxectos en 11 modalidades artísticas diferentes: teatro, artes plásticas, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis, deseño de xoias e monólogos.

Gañadores de 5 especialidades

No evento de hoxe tamén se darán a coñecer os gañadores de 5 das 11 especialidades do certame: poesía, relato breve, banda deseñada, videocreación e deseño de carteis.

En poesía, os tres primeiros lugares foron todos compartidos. O primeiro posto foi para Cristina Ferreiro Real, coa obra “Epidemia”; e Natalia Umpiérrez Suárez, con “Artibiótico”. O segundo lugar foi conseguido por Belén Gavín Bermúdez, coa obra “Porcelana” e por Rafael Lobelle González, con “Retrincos fotoxénicos”. En terceiro lugar quedaron Alba Cid Fernández, que presentou ao certame “Epistolario sitiado. Correspondencia abisal en escenarios diversos” e Míriam Ferradáns Ferradás, con “Novecomaoito”. O xurado tamén destacou con senllas mencións de honra a Daniel Emilio Villaverde Framil, coa obra “Suicidio correctivo” e a Elías Antón Marcos, con “AEC”.

Na especialidade de relato breve, o primeiro premio foi para Inés Mª. Rodríguez Naz, coa obra “Mitos en ámbar”. O segundo premio foi compartido por Roi Vidal Ponte, con “Un coitelo manchado de graxa” e Mª. Luisa Iglesias Taboada, coa obra “Un cuarto impropio. Metamorfose”. O terceiro premio tamén foi compartido por Rubén Vidal López, coa obra “Quen matou a Otto Hoch?” e Mª. Elena López González, coa obra “A corda de area”. O xurado tamén outorgou dúas mencións de honra para Tito Pérez Pérez, coa obra “Alén da elipse” e Sheila Aldariz Ferreiro, con “Pompas fúnebres Ernesto”.

En canto á banda deseñada, o primeiro premio desta especialidade foi declarado deserto. O segundo premio foi concedido a Miguel Cuba Taboada, coa obra “Ráfaga” e o terceiro premio para Laura Velasco Vázquez, con “A cita”. Neste caso tamén se destacaron dúas mencións de honra, para Alba Mª. González López, que presentou ao certame “En busca da arte perdida” e Miguel Golmayo Labrador, con “O legado do lume”.

En videocreación, os premiados foron Alexandre Martínez Pérez, coa obra “Super 8” en primeiro lugar; Clara Elisa Sobrino Heyvaert, coa obra “A costureira” en segundo; e Estela Rodríguez López, coa obra “A incrible historia de Santi Pingüin” e Olalla Castro Rodríguez, coa obra “Arrevoa os meus cabelos” compartiron o terceiro premio.

Na especialidade de deseño de carteis o primeiro premio foi para Carlota Mª. Brea Fernández, que presentou a obra “Compártete”; o segundo para Alba Díaz López, coa obra “Ó alcance da túa man”; e, finalmente, o terceiro posto tamén foi compartido por Valeria Rubal Rubal, coa obra “Este ano non” e Sara Roca del Pozo, con  “Paso de todo”.

 

También te puede interesar