Galicia

A Xunta anuncia que pagou o que adebedaba aos avogados da quenda de oficio

A Dirección Xeral de Xustiza vén de pagar o segundo trimestre de 2012 aos avogados galegos da quenda de oficio, que percibiron un total de 2.307.450 € polas actuacións realizadas durante ese período de tempo.

O Colexio que máis percibiu foi o da Coruña, con 619.426,32 euros; seguido do de Pontevedra que cobrou 518.348,15€; Vigo con 441.482,67 €; Lugo, 228.639,26 €; Ourense, 222.701,24 €; Santiago, 153.483,73 € e o Colexio de Ferrol, que percibiu 123.369,12 €.

Nunha nota de prensa, a Xunta salienta que mantén “a mesma cantidade nos orzamentos para 2012 que nos dous últimos anos, uns 10 millóns de euros en total, a diferenza de outras comunidades autónomas que baixaron o seu orzamento destinado á Xustiza gratuíta”.

Galicia, xunto ao resto de comunidades autónomas españolas, pediu a modificación da normativa actual nesta materia para evitar abusos e garantir a súa viabilidade. O ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, prometeu abordar este asunto o antes posible, co obxectivo de garantir o dereito á asistencia xudicial gratuíta a aqueles que realmente o necesitan.

 

También te puede interesar