Vigo al minuto

CCOO e UGT convocan, este luns ás 8 do serán, unha manifestación contra os recortes

CCOO e UGT convocan para este luns, día 8, unha manifestación en defensa da industria, o emprego e o estado de benestar. Terán lugar na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Burela, Lugo, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo 20 h. cruzamento de ía Norte con Urzáiz), que será a central, e na que estarán os secretarios xerais das dúas centrais en Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión e José Antonio Gómez.

O lema das manifestacións, ‘Máis paro, máis recortes, menos protección. Queren arruinar o país! Hai que impedilo! Pola industria, polo emprego e polo estado de benestar’, sitúaas no marco da campaña de mobilización sostida que se iniciou o pasado 19 de febreiro e tivo o seu punto álxido na folga xeral. UGT e CCOO afirman que se está a producir unha «flagrante fraude electoral», xa que o PP chegou ao Goberno cun programa diferente do que está a aplicar. Denuncian, ademais, que os novos recortes económicos e sociais, recollidos no proxecto de orzamentos estatais para 2013, van «arruinar o país».

Segundo os dous sindicatos, os orzamentos só prevén recortes ao investimento, sacrifican os estímulos á actividade económica e á creación de emprego e renuncian a unha política fiscal que combata a fraude e permita incrementar os ingresos do Estado. “Tamén decrecen de xeito significativo a protección social, as partidas destinadas á dependencia, os servizos sociais, a axuda á cooperación ao desenvolvemento, ao mundo rural ou ao medio ambiente”.

Nesta liña, CCOO e UGT alertan de que haberá, tamén, recortes nas prestacións sociais, pois prevese que os 450 € do plan Prepara se deixen de aboar o vindeiro mes de febreiro, e as pensións só se incrementarán o 1%. Nunhas condicións así, denuncian,”se vai producir un aumento da pobreza e da exclusión, fenómenos ambos que afectan moi maioritariamente ás mulleres, á poboación inmigrante e á xuventude”. Precisamente, salientan,  a mocidade é un dos colectivos que centrará as reivindicacións, pois a taxa de paro en Galicia das persoas de 20 a 24 anos é do 43%, e case 130.000 menores de 34 están sen traballo.

 

También te puede interesar