Galicia

O Sindicato Labrego Galego pide unha moratoria que prohiba cultivar transxénicos polo seu perigo para a saúde

O Sindicato Labrego Galego quere erguer a voz de alarma diante dos estudios publicados pola Universidade de Caen (Francia), que demostraron que o millo transxénico NK-603 produce tumores canceríxenos que, en varios casos, se saldaron coa morte das cobaias que o consumiron.

“Cómpre lembrar que a irresponsabilidade do Ministerio de Agricultura nos últimos anos, tanto co PP como co PSOE, levou a que o Estado Español fose punteiro na Unión Europea en superficie cultivada con transxénicos, mesmo cando estes estaban prohibidos por mor dunha moratoria en todo o territorio comunitario”, indica o sindicato.

O mesmo entende que , á luz dos resultados dos estudios da Universidade de Caen, resulta alarmante que, en 2011, a superficie de transxénicos cultivada no Estado Español ascendese a 100.000 hectáreas; ou que o 15% dos alimentos para as persoas que conteñen soia ou millo están contaminados con OXMs, segundo a Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (Aesan). “Ademais, en Galicia, hoxe en día é case imposible  alimentar á nosa cabana gandeira con pensos libres de transxénicos, que están presentes na case totalidade dos cereais e concentrados para alimentación animal que se comercializan ou fabrican no noso país”.

Diante das evidencias do estudio de Caen, o SLG denuncia que “os nosos gobernantes non poden ignorar por máis tempo os efectos nocivos que os transxénicos poden ter na saúde das persoas e dos animais” e que, a maiores, habería que denunciar tamén os efectos antisociais e medioambientais: A autorización de variedades transxénicas no campo é fatal para os labregos e as labregas, xa que ao utilizalos vólvense dependentes.

Por iso, o SLG pide unha moratoria que prohiba cultivar transxénicos diante das evidencias que demostran os seus riscos para a saúde; “tamén é fatal para o medioambiente, porque os transxénicos contaminan cultivos de variedades locais,prexudican a biodiversidade e acaban con séculos de cultura agrícola”

Ademais, advirte, súa presenza fai imposible xeitos de producir como a agricultura ecolóxica ou a apicultura, pola contaminación indesexada e incontrolable por polinización cruzada.

 

También te puede interesar