Galicia

Galicia, en alerta laranxa, este domingo, por ventos de ate 100 quilómetros hora

A Dirección Xeral de Emerxencias alerta dun episodio de meteoroloxía adversa por costeiros e vento en terra en nivel laranxa e choiva en nivel amarelo, que afectará a partir de mañá a Galicia. Segundo previsións da Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico iniciarase en torno ás 10 da mañá do día 23 de setembro e finalizará ese mesmo día, cara ás 8 do serán.

O fenómeno costeiro afectará a todo o litoral galego con vento do suroeste con forza 8 e mar grosa a moi grosa; mentres que o adverso de vento achegará  rachas máximas de 90-100 quilómetros por hora en toda a Comunidade. A estes dous fenómenos, hai que sumarlle outro de choiva, este de nivel amarelo, que vai afectar preferentemente a provincia de Pontevedra e ao suroeste da Coruña.

Así, co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia,  informou da situación de meteoroloxía adversa a todos os concellos costeiros; ás Deputacións, aos servizos provinciais e asociacións de voluntarios de Protección Civil de Galicia.

Este departamento quere recordarlle á poboación a importancia de seguir as medidas de autoprotección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos. Por último, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112, que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

 

También te puede interesar