Galicia

Un morto e 80 feridos nas estradas galegas dende o pasado 31 de agosto

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a fin de semana un total de 80 persoas debido a 64 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas entre as 15:00 horas do venres, 31 de agosto, e as 23:59 horas deste domingo. O maior número de atencións por sinistros rexistráronse o sábado con 27 accidentes.

O 061 recibiu nestes días 79 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 64 asistencias sanitarias por parte do persoal do mesmo que atenderon a un total de 80 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 71 e 29%,  respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase cun 36% dos atendidos tiña entre os 20 e os 34 anos. Por provincias foi A Coruña a que rexistrou máis accidentes con 30 sinistros de tráfico durante os desprazamentos destas datas.

Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 111. Así, o helicóptero medicalizado desprazouse en catro ocasións, a ambulancia medicalizada acudiu a nove sinistros, as ambulancias asistenciais mobilizáronse en 77 accidentes, as ambulancias convencionais acudiron a un sinistro, e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en 20 sinistros.

En 65 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes, seis persoas foron trasladadas a un centro de Atención Primaria, outros oito feridos foron atendidos no propio lugar do incidente sen necesitar traslado e unha persoa faleceu no lugar do sinistro.

 

También te puede interesar