Vigo al minuto

A Federación de Veciños pide ao Concello que non repercuta o IVE no prezo do Vitrasa

A Federación Veciñal, remitiu este luns, a través do Rexistro Municipal, un escrito no que solicita á Concellaría de Transportes que “leve a cabo todas as medidas necesarias para que a concesionaria do servizo de transporte público colectivo, Vitrasa, non repercuta a suba do IVE no prezo do billete nin dos bonos até a actualización tarifaria do vindeiro ano 2013”.

Esta iniciativa prodúcese apenas uns días despois de que o colectivo do taxi renunciase a aplicar a suba do IVE, prevista para o 1 de setembro, até xaneiro do ano próximo. “Se un colectivo tan castigado pola crise como o sector do taxi pode asumir os custes de non subir o IVE, en mellores condicións estará unha empresa con grandes beneficios como Vitrasa” sinala a FAVEC.

No escrito dirixido ao concelleiro López Font, a Federación Veciñal lembra que este ano xa se aplicou unha importante suba no prezo dos billetes e dos bonos do autobús, de 5 e 4 céntimos respectivamente, coa oposición do movemento veciñal que formulara unha proposta de conxelación que foi rexeitada polo Goberno Municipal. Desde a federación entenden que unha nova suba no prezo do bus “penalizará, inda máis, as economías máis febles gravando un servizo indispensábel”.

 

También te puede interesar