Galicia

Festival de Riós, toma primeira

Parte do equipo do Festival das Artes Escénicas de Riós

En menos de media hora e un ano máis, Riós  transfórmase na capital das artes escénicas. Falamos do seu Festival das Artes Escénicas de Riós que celebra a súa quinta edición ofrecendo un amplo programa de actividades e propostas culturais.

Entre hoxe e mañán, sábado, Riós encherase de cinema, teatro, música, humor, gastronomía, deporte e actividades para todos os públicos. A entrada ten un prezo de 10€ e é válida para os dous días e con acceso a tódalas actividades.

Será ás 20:30 horas cando comecen as proxeccións no Festival de Riós. Na sala Multiusos da vila preséntase o irmandamento co Festival de Cans, coas proxeccións das curtas e videoclips gañadores deste ano. A entrada é de balde ata completar aforo.

Logo ás 22:30 horas, ‘Vilamor’ proxectarase ao ar libre no recinto do Festival, dando comezo á V edición. Coa presenza de Ignacio Vilar (director do filme) e os actores Sabela Arán, Xoel Yáñez, Santi Romay e Rubén Riós, protagonista e director do Festival.

Previamente, preséntase un pase fotográfico con imaxes capturadas polo fotógrafo verinés Carlos Folgoso. Unha reportaxe da Comuna de O Foxo, lugar que sirviu de inspiración para o filme ‘Vilamor’.

Trala proxección da película, Riós encherase de humor e boa música. Isabel Risco presentará un monólogo cargado do humor e da retranca que a caracterizan para dar paso a un concerto moi especial: Tonhito de Poi e amigos (Sabela Arán, Xoel Yáñez, Santi Romay, Adrián Ríos, Rubén Riós) e tamén a súa filla Ana, unha rapaza que heredou todo o humor e arte dos seus país.

Como peche ao primeiro día do Festival, Dj Richar ofrecerá decibelios de diversión cunha sesión na Platú Rural Dance.

Segunda xornada

Xa para o sábado pola mañá toca o turno para os máis pequenos, que contarán con hinchables e animación sociocultural dende as 11:00 horas. Dúas horas despois, na Praza do Concello, haberá unha sesión vermouth con música de antano.

Pola tarde, a partir das 17:00 horas, un clásico do Festival: Partido de fútbol entre a Selección de Tourilandia – Marcos Pereiro, Santi Romay, X.A.Touriñán, Terio Carrera, Rubén Riós, Mago Teto, Luis Tosar e Luis Iglesia entre outros- e o Riós C.F. (equipo da 3ªrexional galega).

A partir das 22:30 horas, o Festival vístese de gala con dúas mestras de cerimonias moi especial: As Cantareiras de Ardebullo. Mucha e Nucha presentarán a novos talentos como Adriana Ramos, unha promesa da música de tan só 15 anos e artistas consagrados como Emilio Rúa (de Vendas da Barreira).

Este ano, como incorporación estelar, Cristina Pato mostrará todo o seu estilo e experiencia xunto con Luis Tosar e Piti Sanz. A maxia e a ilusión corre de parte de Mago Teto.

Como cada ano entregarase o galardón a Castaña de cristal a un representante da cultura galega, nesta V edición o homenaxeado será Luis Iglesia, actor protagonista da serie ‘Matalobos’.

Para finalizar, un recordo aos Centros Galegos no mundo, achegámonos ó Centro Galego de Badalona e un novo Irmandamento coa Festa do Pemento de Arnoia, e cada ano se fará un novo irmandamento baixo o nome Xuntos pola Festa.

E a partir das 01.00 horas, darase paso aos concertos. Como teloneiros, 1992 dende Madrid darán paso ao concerto de Di Elas – banda liderada por Luis Tosar e Piti Sanz-. A festa durará ata altas horas da madrugada coa música de Xanononoto, Rever e Medomedá. Como peche, nova sesión con Dj Richar.

También te puede interesar