Galicia

Amigos da Terra sinala o desmantelamento dos servizos contraincendios coma culpable dos lumes deste verán

Amigos da Terra manifestou este martes o seu pesar polo desmantelamento dos Servizos Forestais Públicos o que “conleva unha maior desprotección e un moito maior risco para os ecosistemas forestais de Galicia”. A asociación subliña que os incendios forestais destes últimos días (San Xoán de Río, Ribas de Sil, Oímbra, Laza, Friol, Navia de Suarna…e o gran incendio de Valdeorras) “demostran por enésima vez o fracaso da política forestal e de loita contra os incendios forestais do Goberno da Xunta” .

Na súa opinión, o acontecido estes días “non deixa de ser unha crónica anunciada” que se produce tódolos veráns, “crónica máis feble ou mais grave en función das condicións que marca a meteoroloxía”. Este ano, indica Amigos da Terra, “aos condicionantes climáticos e meteorolóxicos, súmanselle as medidas tomadas dende o desleixo e a incompetencia dun Goberno cego, sen ideas, que marca o rumbo ao chou e se presta a desfeita interesada dos Servizos Públicos Forestais pondo en grave risco aos nosos montes”.

A asociación ecoloxista denuncia unha importante redución dos orzamentos públicos adicados a prevención, a loita contra os incendios forestais, que pasaron de 107 millóns de euros no ano 2011 aos 95 millóns de euros en este 2012, maila a que o 30 de maio de 2011 o actual Secretario Xeral da Consellería do Medio Rural, Tomás Fernández-Couto Juanas entre outras facía a seguinte reflexión “é necesaria a boa prevención en maio-xuño e ter as zonas rozadas en xuño-xullo, para o período de incendios forestais”, pois ven, indica Amigos da Terra “ no ecuador da tempada de máximo risco a maior parte do pouco diñeiro adicado este ano a prevención aínda non se investiu e áreas cortalumes, devasas, faixas auxiliares de pistas e camiños, están abandonadas e sen os traballos preventivos realizados”. Esa é, precisamente, unha das queixas dos veciños e dos medios de extinción nos incendios estes : ”a dificultade da extinción polo abandono da chamada “infraestrutura de prevención”.

Amigos da Terra indica que falla de vixianza as 24 horas do día en días de perigo alto ou extremo se pecharon máis da metade dos puntos de vixianza fixa (de 5 puntos de vixianza a só dous); non se están cubrindo as baixas do persoal de prevención e extinción: brigadas que día tras día só entran con dous ou tres compoñentes, a media debe de ser de cinco brigadistas como mínimo; vehículos autobombas, imprescindibles para a extinción de incendios, sen cubrir as 24 horas do día, redución de condutores autobombistas para reforzo de verán do 50%, “hai distritos forestais onde se contrataban 24 condutores, e no 2012 só se contrataron 12”; distritos forestais onde tiña que haber 20-22 axentes forestais só están operativos para traballos de extinción de incendios 14-15 axentes; desmantelamento das brigadas de investigación de incendios forestais BIIF creadas no seu dia e compostas por un mínimo de dous axentes forestais por cada un dos Distritos Forestais; as brigadas de helicópteros, concedidas sen concurso público a unha empresa privada, contrataron ao persoal das mesmas sen ter en conta a experiencia ou a formación, “en moitos casos coa renovación de mais do 75% do persoal”,  quedando fora das mesmas persoal con anos de experiencia e formación contrastada.

Engadir ao anterior, segundo a organización ecoloxista,  a infrautilización de medios con que conta a comunidade autónoma (medios de concellos, mancomunidades, deputacións, consellerías…), medios que non se usan ao non estar integrados no operativo de prevención e extinción de incendios forestais, demostración da falla dun “Plano de Emerxencias axeitado” un plano que ten que contar cun “mapa de Medios e Recursos” dispoñibles para axudar na loita contra os incendios forestais cando se precisa e cando se producen, esta falla fai que se produzan desprazamentos de medios dos Servizos Forestais a máis de 200-250 quilómetros mentres a carón de onde se produce o incendio forestal hai autobombas ou maquinaria parada e sen utilizar.

Ao mesmo tempo, salienta, contrasta a redución de medios propios co convenio que establece a Xunta co Ministerio de Defensa, 550.000 €, un 9% de incremento con respecto ao ano 2011,  para o operativo “Centinela Gallego”, 100 soldados que integran 23 patrullas de “vigilancia y disuasión” e que nunca participan en extinción.

Amigos da Terra segue insistindo que é preciso consensuar a política forestal e de loita contra os incendios forestais, máis de 40 anos de fracaso dos distintos gobernos e do conxunto da sociedade do país son máis que suficientes, a desfeita medio ambiental, paisaxística e económica dun sector estratéxico non se pode perpetuar no tempo”.

 

También te puede interesar