Comarcas

5 millóns de euros para Ponteareas, Mos, O Porriño y Mondariz

A Deputación Provincial de Pontevedra e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil colaborarán nun proxecto de rexeneración ambiental das canles e do contorno do regato das Vendas en Ponteareas, do río Louro ao seu paso por Mos e O Porriño e do río Aboal en Mondariz.

Así o acordaron esta mañá o presidente da Administración Provincial, Rafael Louzán, e o responsable da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín, nunha xuntanza onde subliñaron que este proxecto suporá un investimento total de 5 millóns de euros e que as obras deberán estar rematadas antes de finais de 2015.

O proxecto ten por obxecto resolver problemas recorrentes na parte baixa do Miño e aproveitar as últimas partidas de fondos europeos que a comunidade pode recibir.

Unha das obras máis ambiciosa é a recuperación ambiental do Regato das Vendas en Ponteareas, que suporá devolver este á súa canle orixinal -a que tiña nos anos 50 do pasado século-. Este regato está actualmente canalizado xunto coa saneamento o que está a ocasionar certos problemas de funcionamento á depuradora en época de choivas, cos consecuentes vertidos ao río.

En canto ás actuacións previstas no río Louro afectan aos concellos de Mos e O Porriño. No caso de Mos trátase de rexenerar as zonas afectadas polos desbordamentos producidos fai uns anos e de actuar sobre as marxes para previr futuros desbordamentos.

No caso de O Porriño, a actuación afectará sobre todo á parte baixa do río neste concello, onde existe unha zona peonil moi utilizada polos veciños e visitantes e na que é preciso protexer as marxes para evitar anegamentos que deteriorarían a senda e dificultarían o seu uso público.

Finalmente, outra das actuacións ás que a Deputación Provincial estuda prestar a súa colaboración é á construción dunha ponte sobre o Río Aboal ao seu paso polo concello de Mondariz. Esta ponte tería por obxecto enlazar as dúas zonas de recreo situadas a ambas as beiras do río, xerando así un espazo maior para o desfrute de veciños e visitantes.

 

También te puede interesar