Galicia

A Xunta oferta 190 prazas en campamentos de verán para persoas con discapacidade

A Consellería de Traballo e Benestar oferta un total de 190 prazas de campamentos para persoas con discapacidade que terán lugar entre xullo e setembro en toda Galicia: 40 na quenda de integración para persoas con maior autonomía persoal de idades comprendidas entre os 9 e os 35 anos; e 150 na quenda específica para aquelas persoas con maior necesidade de apoio, con idades comprendidas entre os 11 e os 40 anos.

As quendas de integración, desenvolveranse nos meses de xullo e agosto coas seguintes actividades. Na provincia da Coruña, ‘A miña primeira aventura’, no Albergue xuvenil Mariña Española de Bergondo; ‘En bicicleta e a cabalo pola natureza’, no campamento xuvenil de Furelos-Melide; ‘Campamento de teatro no campamento xuvenil Espiñeira, en Boiro.

Na provincia de Lugo, terán lugar o ‘DevesAventura’, ‘H2O’ e ‘Surfeando no Cantábrico’, no campamento xuvenil A Devesa de Ribadeo; ‘Multiaventura nos Chacotes’ no campamento xuvenil Os Chacotes de Palas de Rei; ‘H2O’ e ‘Navegando polo río Miño’, no complexo residencial LUG de Lugo.

Na provincia de Pontevedra, celebrarase ‘A miña primeira aventura’ e ‘Aventura na natureza’ no campamento xuvenil Portemaril de Forcarei; e os campos de traballo no camping das Illas Cíes.

En canto ás quendas específicas, terán lugar cinco obradoiros nos meses de agosto e setembro na instalación xuvenil do albergue xuvenil de Gandarío, en Bergondo (A Coruña).

Nestas actividades poden participar mozos e mozas cunha discapacidade igual ou superior ao 33%, que non presenten trastornos que poidan alterar a convivencia durante o transcurso da actividade, que vivan habitualmente no seu domicilio e presenten unhas capacidades que sexan compatibles coas actividades que se van a desenvolver e coas características da instalación.

O prazo para a presentación de solicitudes rematará o 31 de maio para as prazas de integración e o 15 de xuño para as prazas específicas. As persoas interesadas poden informarse no teléfono social 900 333 666, así como na seguinte páxina web http://benestar.xunta.es/web/portal/campamentos-veran.

 

También te puede interesar