Galicia

Feijóo, “os remolcadores de Pemex poderían empezar a construirse antes do outono”

Feijóo, avanzou que os primeiros remolcadores da carteira de pedidos pechada onte entre o Goberno galego e a petroleira mexicana Pemex, poderían comezar a construírse nos vindeiros meses. “Desde logo antes do outono, teñamos nos estaleiros galegos pedidos en construción para a petroleira mexicana”, salientou o presidente nunha entrevista concedida este venres a RNE.

O xefe do executivo galego subliñou que o acordo abre grandes posibilidades de negocio, non só para o sector naval galego, senón tamén para o conxunto dos estaleiros españois, xa que poderán traballar “no Golfo de México, que é nada máis e nada menos que un dos lugares do mundo con maior actividade petroleira e, en consecuencia, con maior demanda naval”. Feijóo destacou, ademais, a importancia desta alianza estratéxica coa “cuarta petroleira do mundo, coa empresa máis grande de América Latina”, xa que representa “un síntoma de confianza na economía galega e na economía española”.

O Goberno galego e maila petroleira Pemex rubricaron onte o acordo estratéxico que se materializa nun pedido de 14 remolcadores, a metade dos cales se construirán integramente nos estaleiros galegos, mentres que a industria auxiliar galega “fará e ensamblará as pezas que, en parte se monten en México”, especificou Feijóo. O acordo complétase cun barco flotel e a posibilidade de que o Porto Exterior de Punta Langosteira, na Coruña, se converta na base das operacións loxísticas de Pemex para toda Europa. “A verdade é que o futuro é moi esperanzador se somos capaces de competir e somos capaces de pechar outras oportunidades de negocio sobre as que onte estivemos falando”, sinalou o presidente da Xunta, en referencia a posibles acordos coa Armada mexicana.

O mandatario galego apuntou que nas vindeiras semanas Pemex remitirá aos estaleiros galegos as condicións exactas dos remolcadores para que “coticen e concreten os seus prazos e prezos, e expresou o seu desexo de que “se pechen os contratos de forma inmediata”. “Nós tiramos o balón, o balón está, neste momento, no campo dos estaleiros galegos”, aseverou.

“Os que estiveron onte no acto de sinatura saben perfectamente que van contestar moi rapidamente porque aquí fixemos moitos remolcadores, sabemos facelo, obtivemos o contrato dos remolcadores do Canal de Panamá e, polo tanto, temos estaleiros perfectamente acreditados no mundo naval para facer isto con rigor, con calidade e con prezo”, incidiu Feijóo, quen manifestou a súa confianza en que “nos vindeiros meses, semanas, empecemos xa a construír os primeiros remolcadores”. Ademais, precisou, “hai outra posibilidade que é un barco flotel, que ten un enorme interese porque supón uns 100 millóns de dólares aproximadamente”. “Sería un problema difícil de explicar que non se concreten uns pedidos que Pemex quere facer”, dixo o mandatario, quen indicou xa estivo reunida e xa viu a calidade  da construción naval en Galicia e ten o porfolio de produtos da maior parte do estaleiros de Galicia” cos que, agora, ten que negociar os prezos.

 

También te puede interesar