Galicia

Sanidade e a Asociación contra o Cancro colaborarán para mellorar a asistencia ás enfermas de cancro de mama

A Consellería de Sanidade ven de asinar un convenio de colaboración coa Fundación científica da Asociación Española Contra o Cancro, para a realización do estudo: “Abordaxe e tratamento do cancro de mama en España”.Este estudo permitirá coñecer a situación real da atención do cancro de mama, achegando unha visión global da mesma, ao ser abordado dende tres perspectivas diferentes: as comunidades autónomas, os hospitais, e os pacientes. O obxectivo xeral do proxecto é realizar un diagnóstico de situación dos servizos que reciben as pacientes de cancro de mama nos centros hospitalarios.

A análise dos datos permitirán detectar boas prácticas implantadas xa nos hospitais, para compartilas con posterioridade, así como identificar barreiras ou deficiencias de atención que permitan formular accións de mellora para a abordaxe e tratamento das enfermas.

En España detéctanse aproximadamente 22.000 novos casos de cancro de mama ao ano, case o 30% de todos os tumores nas mulleres. Tamén é o tumor maligno máis frecuente entre as mulleres de todo o mundo, logo dos cancros de pel non melanomas.

Articulación do convenio

Este convenio enmárcase tanto na Estratexia Galega contra o Cancro, posta en marcha en Galicia no ano 2010, como no Programa de detección precoz do cancro de mama, iniciado no ano 1992,  e que dende o ano 2001 presenta taxas de participación por riba do 75%, e nos últimos anos ronda xa o 80%, sobre todo dende a última reorganización, iniciada no ano 2011, coa que se establecen unidades fixas en todos os hospitais comarcais da Comunidade Autónoma.

Sanidade responsabilízase da obtención da información nos centros hospitalarios da rede pública dependentes do Sergas. Esta información obterase mediante a cumprimentación dun cuestionario por parte destes, para coñecer como se desenvolve a atención a pacientes con cancro de mama, especificando os elementos clave deste proceso de atención, asi como as mellores prácticas implantadas e o grao de implantación das mesmas, e si xa teñen resultados.

A Fundación comprométese a desenvolver actividades para a obtención e tratamento da información facilitada polos centros hospitalarios necesaria para a elaboración do informe, así como a adoptar todas as medidas necesarias para garantir a confidencialidade da información subministrada, de conformidade co disposto na lexislación vixente en materia de protección de datos.

Con toda esta información elaborarase un informe que permitirá a toma de decisións para mellorar a calidade e seguridade da atención para as mulleres con cancro de mama, así como para garantir a efectividade e eficiencia da xestión dos servizos de oncoloxía neste proceso.

 

También te puede interesar