Galicia

Os emigrantes galegos en Estados Unidos poderán benefiarse da ‘Tarxeta Sanitaria Galicia Exterior’

O secretario xeral da Emigración asinará tres convenios con cadansúa entidade das cidades norteamericanas de Newark (dous) e Nova York, para colaboraren na tramitación previa para a obtención da tarxeta sanitaria “Galicia Exterior”. Esta tarxeta, emitida polo Servizo Galego de Saúde,  garante dereitos e prestacións idénticos aos que calquera cidadán da Galicia territorial posúe, durante a estadía do galego na súa terra natal.

A medida beneficiar aos galegos da diáspora residentes nos Estados Unidos, e asínanse en New York e New Jersey por seren os estados que concentran a maioría da colonia galega afincada en Norteamérica, segundo os datos do PERE (Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro).

Concretamente, en Newark (cidade moi próxima a New York pero xa pertencente ao estado de New Jersey), Santiago Camba asina dous convenios. O primeiro, coa entidade ‘Centro Orensano Social Club’, que preside Miguel González, e o segundo coa Peña Galega do ‘Club España’, presidida por Juan Álvarez. Finalmente, en Nova York asina un terceiro convenio coa ‘Unidad Gallega de los Estados Unidos’, cuxa representación recae en José Gil.

O convenio estipula as condicións da colaboración entre a Xunta e estas entidades para facilitar a obtención da tarxeta aos beneficiarios, o cal non significa que os emigrantes galegos non tivesen ata agora dereito á mesma. Iso si, facilita a súa tramitación e achega a Administración galega aos seus administrados, incluídos os galegos da diáspora.

Validez

A tarxeta sanitaria “Galicia Exterior” só se distingue da tarxeta ‘normal’ do SERGAS na súa validez, por canto se supón que se vai usar unicamente para as estadías temporais que realizan os emigrantes galegos na súa terra natal. Limitada inicialmente a tres meses, pode reactivarse superado ese prazo en casos excepcionais.

Arestora, mediante os convenios activados por Emigración no exterior, os cidadáns galegos da diáspora mesmo poden contar coa tarxeta sanitaria antes de saíren do seu país de acollida. Desta maneira non só se evitan custosos trámites burocráticos para os beneficiarios, senón que a Administración preocúpase de facerlles efectivos os seus dereitos en circunstancias adversas: é obvio que se o emigrante solicita unha tarxeta sanitaria é porque precisa asistencia médica, e polo tanto non atravesa precisamente un bo momento.

A Xunta decidiu así ampliar a cobertura da tarxeta sanitaria “Galicia Exterior” que xa funciona para as e os emigrantes nas repúblicas de Arxentina, Uruguai, Venezuela, México, e Brasil.

 

You may also like