Ciencia y Tecnología Vigo al minuto

A ONU elixe Vigo para a reunión dos seus expertos en cambio climático

Duvi/ 300 expertos internacionais en cambio climático daranse cita en Vigo no mes de novembro na única reunión en Europa do IPCC, o grupo intergubernamental creado pola ONU para esta temática. A xuntanza converterá a cidade no epicentro do debate sobre o futuro climático do planeta. O reitor, Salustiano Mato, destaca a importancia deste tipo de eventos para “posicionar á institución, a Vigo, a Galicia e a España internacionalmente” e cualificou como unha “gran noticia” a elección da cidade olívica, “que se converterá nun lugar de referencia no que tratar temas de gran transcendencia mundial”. O centro de investigación Economics for Energy e a Universidade de Vigo, a través do grupo REDE, colaboran na organización deste encontro, que conta tamén co apoio do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

O IPCCGrupo Intergubernamental sobre Cambio Climático, é un organismo do que forman parte expertos de todo o mundo e de diversos eidos do coñecemento xunto con gobernos de 195 países. A súa finalidade é a elaboración dun informe cada 6 anos con base nas investigacións científicas, técnicas e socioeconómicas desenvoltas por miles de expertos de todo o mundo. O traballo divídese en tres grupos, un centrado nos aspectos científicos, outro avalía a vulnerabilidade dos sistemas socioeconómicos e naturais ao cambio climático, e o terceiro ocúpase das emisións de gases de efecto invernadoiro e os seus efectos, grupo do que é autor principal o catedrático da Universidade de Vigo Xavier Labandeira.

O quinto informe, en 2014

O próximo informe do IPCC será presentado en 2014 e nel levan traballando os investigadores dende 2009. A Vigo acudirán 300 membros grupo III, centrado en mitigar o cambio climático mediante a limitación das emisións de gases á atmosfera. Para eles será a terceira e penúltima xuntanza deste ciclo, despois das de Corea do Sur e Nova Celandia. Segundo explica Labandeira, trátase dun grupo interdisciplinar, formado especialmente por expertos do campo das ciencias sociais e da tecnoloxía. A xuntanza arrancará o 5 de novembro e estenderase ata o 9, aínda que previamente, os días 3 e 4 ,terá lugar tamén na cidade unha reunión de expertos para tratar sobre os escenarios futuros do cambio climático.

En Vigo sentaranse as bases para as achegas do grupo III ao quinto informe tendo en conta o papel de todos os sectores económicos implicados nas emisións e gases de efecto invernadoiro, dende a enerxía, o transporte e a construción ata a industria, a agricultura e o forestal. O documento que se presente en 2014 fará especial fincapé na análise dos aspectos socioeconómicos do cambio climático e as súas implicacións no desenvolvemento sostible e a xestión de riscos, prestando especial atención ao enfoque rexional. Para Labandeira “esta será unha información moi útil para a negociación climática de finais deste decenio”.

O director do grupo REDE, Alberto Gago, subliñou a magnitude dun evento deste tipo, con 300 asistentes, que obrigou a dispoñer “dúas sedes na cidade de Vigo, a Fundación Barrié de la Maza e o Centro Social Novacaixagalicia”, xa que os investigadores traballarán intensamente e divididos en grupos en 16 salas, tantas como capítulos terá o texto, unha capacidade da que a Universidade non pode dispoñer durante sete días en período lectivo.

Dende 1990, sentando as bases da loita contra o cambio climático

En 2014 o quinto informe recollerá os resultados dos tres grupos do IPCC e reunirá as achegas de miles de científicos de todo o mundo que traballan neste campo. Xavier Labandeira destaca a transcendencia dos informes para a loita contra o cambio climático, que lle valeu ao organismo da ONU o Premio Nobel da Paz en 2007. Tras a presentación do primeiro informe de avaliación en 1990, o peso deste texto foi en aumento, acadando un papel decisivo na toma de decisións globais para poñer freo ao deterioro climático do planeta. Os sucesivos documentos sentaron as bases para a creación da Convención Marco de Nacións Unidas sobre Cambio Climático, proporcionaron información clave para a adopción do Protocolo de Kioto en 1997 e serviron posteriormente para remarcar a necesidade dun novo protocolo no que se integrasen os países que representan un maior nivel de emisións. O cuarto informe, en 2007 achegou evidencias para afirmar que o quentamento do clima é inequívoco e establecía como causas as actividades humanas.

También te puede interesar