RGPD - Cookies
Galicia

A Policía Autonómica triplica os efectivos destinados a combater os incendios forestais

A Policía Autonómica intensificará durante esta Semana Santa as súas tarefas de prevención, control e investigación contra incendios nas catro provincias galegas, especialmente durante a fin de semana e naquelas zonas nas que se reiteran os lumes forestais nos últimos días.

Así, fronte ao dispositivo que sería o normal nos festivos e nas fins de semana -fóra da tempada do PLADIGA-, de hoxe ao domingo se desenvolverá un dispositivo especial en Galicia, que implicará practicamente multiplicar por tres o número de patrullas e efectivos destinados a esta materia por parte da Policía Autonómica.

Deste xeito, na sede de Santiago de Compostela e nas subsedes da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo prestarán servizo 278 axentes, dos cales 166 serán de reforzo extraordinario. A súa tarefa prioritaria será efectuar controis e vixilancias naquelas zonas máis afectadas polos incendios.

Esta é unha das medidas tomadas polos axentes despois de manter o pasado 13 de marzo unha reunión de coordinación policial en materia de incendios na Dirección Xeral de Montes. No dito encontro, entre outras cuestións, decidiuse facer un exhaustivo análise sobre as causas dos incendios e concentrar recursos policiais nas zonas de maior incidencia dos lumes, como é o caso do sur de Pontevedra e Ourense e as zonas de montaña. No que levamos de ano, a Policía Autonómica leva efectuadas 62 detencións e máis de 1.669 identificacións no ámbito da prevención de incendios forestais.

 

También te puede interesar