Vigo al minuto

O goberno local comprométese por escrito a asinar un convenio coa Federación Veciñal

A reunión celebrada na tarde de onte, entre a Comisión Permanente da Federación Veciñal (FAVEC) e o concelleiro de Participación Cidadá, rematou coa sinatura dun protocolo de colaboración no que o Goberno Municipal se compromete a subscribir un convenio de colaboración coa federación veciñal para este ano, por importe de 75.000€, a cargo dos orzamentos municipais.

Desde a Federación Veciñal acolleron este logro con satisfacción, dado que desde 2008 o Concello viña negándose a asinar o tradicional convenio de colaboración, semellante ao que si selou con outras entidades. “Ficamos moi satisfeitas e satisfeitos por ter logrado que un compromiso por escrito de que haberá convenio, e que se asinará coa maior rapidez. Agora xa non só son palabras” recoñecen.

O texto do protocolo é basicamente proposto, como alternativa, pola FAVEC e nel recollese o compromiso do Concello de iniciar a tramitación do expediente administrativo, preciso para a sinatura do convenio, no momento mesmo da aprobación inicial dos presupostos asumindo cumprir todos os procesos legais esixíbeis coa maior celeridade para asinalo no menor tempo posíbel a partir desa data.

A valoración que fan desde a Comisión Permanente é moi positiva. “Despois de moitos meses de incerteza existe un compromiso formal e público de que teremos convenio. Isto non tería sido posíbel se non fóra pola actuación firme e desde a máxima unidade de todo o movemento veciñal, e sen a axuda dos grupos políticos da oposición, especialmente a do BNG que foi vital para chegarmos até aquí” afirmaron, ao tempo que celebran telo conseguido “sen ceder un ápice da nosa plena independencia demostrando a forza a proba de bombas do movemento veciñal”.

A FAVEC sí participará no Consello Social da Cidade

Onte a Comisión Permanente anunciaba publicamente, en rolda de prensa, que non participaría na xuntanza do Consello Social da Cidade que terá lugar esta tarde se antes o goberno non se comprometía por escrito a asinar o convenio coa FAVEC antes de aprobación definitiva dos orzamentos.

Para o colectivo veciñal o acordo satisfai esa esixencia polo que a federación veciñal asistirá á reunión do CES sobre os orzamentos, representada pola súa Presidenta, María Pérez, e o seu Secretario, Xabier P. Igrexas.

 

También te puede interesar